Unhas xornadas afondaron este xoves na mestura entre realidade e ficción nos novos soportes

Da 'Guerra das Galaxias' a 'Age of Empires', moita historia que vivir

Os investigadores destacan a utilidade divulgativa do cine, os videoxogos e outros materiais

Tags
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 25/04/2013

A información histórica non é patrimonio exclusivo de libros especializados, de documentais ou de informes. O cine, os videoxogos, os cómics, as sagas literarias e todo tipo de novos soportes ofrecen aos seus consumidores contidos que en numerosas ocasións beben do pasado e de feitos que foron reais. Cando Tolkien creou a súa Terra Media, ou cando George Lucas perfilou o personaxe do emperador Palpatine non só imaxinaron, senón que tamén buscaron na historia, na xeografía e nos seus protagonistas inspiración e información. Para falar destes temas, o campus de Ourense acolleu este xoves as xornadas Cando Mario coñeceu a Clío. Outra perspectiva da Historia.

“A relación da historia con estes novos soportes é crucial. Hoxe en día non é posible pensar na divulgación de coñecementos senón é a través do formato audiovisual. A cuestión é saber como empregar estes medios. Vivir alleos a eles non é unha alternativa posible porque se os historiadores non lles prestamos atención outros o farán no noso lugar”, destacou Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia, durante a inauguración da xornada, organizada pola Delegación de Alumnos de Historia e ALEHOU coa colaboración do centro. “Cando Super Mario Bros se atopou con Clío, a musa da Historia, o que lle preguntou foi que fai unha rapaza coma ti nun sitio coma este?. E así comezou unha bonita historia de amor”, dixo con humor Beatriz Comendador referíndose ao título das xornadas. Hoxe en día, engadiu a investigadora Diana Martínez en nome de ALEHOU, “a industria do entretemento é a que máis nos chega, a que atrae e move a grandes sectores da sociedade. Tradicionalmente a historia viña dada nos libros pero agora vén principalmente a través destes novos formatos e non podemos estar ao marxe”.

Videoxogos, cine e moito máis

A historia, destacou David Morenza, alumno da facultade e un dos organizadores da cita, está nos lugares máis insospeitados e en todo tipo de manifestacións. “O mundo cambia e tamén ten que cambiar o noso modo de ver e explicar a historia”, apuntou o estudante, que durante a xornada foi o encargado de facer unha aproximación a como se reflicte a Idade Media a través de videoxogos como Assasin`s Creed e Age of Empires II. “Estes videoxogos son bastante fieis e empregan moitos detalles históricos. Si son unha forma lúdica e divertida para achegarse á historia, non son para nada desdeñables”, destacou Morenza.

A súa perspectiva positiva sobre estes fluxos entre a historia e a ficción tamén foi compartida polo investigador da Universidade Complutense de Madrid Alberto González, que fixo un achegamento ao uso de elementos históricos por parte do director George Lucas na saga A Guerra das Galaxias. “O propio director asegura que se inspirou no emperador Augusto para o personaxe do temible emperador Palpatine”, apuntou. Segundo explica, son “moitas as diferenzas en canto ao acceso ao poder e a forma de conservalo despois” pero nos dous casos producese unha evolución duns réximes que se poderían considerar democráticos a ditatoriais. “Lucas intentou crear ese paralelismo e consegue enganchar ao espectador”, apuntou o historiador como un exemplo da utilidade destes soportes como elementos didácticos.

Alén destes dous casos, durante as xornadas os poñentes tamén afondaron en temas como a historia do ocio electrónico, as raíces históricas da Terra Media do mundo imaxinado do escritor J. R. R. Tolkien ou o mito do cómic Wonder Woman, unha heroína moi popular en Estados Unidos. A cita estaba previsto que se clausurase coa realización do xogo San Francisco en chamas.