O seu autor é David Ruano, da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense

Un programa para filtrar os correos lixo gaña o Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

Martín Padín, tamén da Universidade de Vigo, foi distinguido con primeiro premio na categoría Técnic

Tags
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI 16/12/2011

Wirebrush4spam é un proxecto de David Ruano, estudante da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, que consiste nunha ferramenta de filtrado de correos lixo, o denominado spam, que aumenta o rendemento dos servizos de selección facéndoos máis veloces e efectivos que os existentes no mercado e que permite filtrar correos en función da actividade da empresa. Por esta idea vén de gañar o 11º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos. Ademais do seu galardón, outros dous estudantes da Universidade de Vigo conseguiron premio polas súas innovadoras propostas.

Expourense acolleu este venres a celebración do 11º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos no que participaron titulados das distintas escolas de Informática e Telecomunicacións das universidades galegas. A entrega de premios, dotados en total con 2.400 euros, estivo presidida polo concelleiro de Emprego e Promoción Económica de Ourense, José Ángel Vázquez, que destacou a practicidade dos proxectos presentados e puxo en valor o carácter emprendedor dos participantes.

O proxecto gañador na modalidade de Titulación Superior en Informática ou Telecomunicacións foi o denominado Wirebrush4spam de David Ruano. Del o seu creador destaca que perfecciona ao Spamassasin, o programa máis empregado no mercado na actualidade, e que é un programa con moita empregabilidade, pois estímase que dos 247 billóns de correos electrónicos enviados de media ao día en todo o mundo o 80% corresponden a spam.

Máis premios e premiados na Universidade de Vigo

A modalidade superior contou con outros dous premios. O segundo correspondeulle a Macías López, da Universidade da Coruña, que presentou un proxecto de construción dun servidor externo para a televisión dixital interactiva que xa lle mercou a empresa R e que está actualmente en funcionamento. O terceiro premio recaeu nun traballo de Lilian Adkinson, da Universidade de Vigo, que presentou a "Cloud computing”, un sistema de cifrado transparente de documentos que pode ser aplicado en Google Docs. Este último traballo acadou tamén un premio complementario do concurso ao ser o máis votado a través de Facebook.

Polo que respecta á categoría Técnica, foron seleccionados dous traballos. O gañador foi Martín Padín, da Universidade de Vigo, que presentou Angueira, unha aplicación web centrada en mellorar e facer máis eficiente a comunicación interna nas empresas. O segundo premio recaeu en Jesús Pérez, da Universidade da Coruña, que creou un sistema de control dun robot móbil mediante voz utilizando software libre.

Con esta entrega rematou unha nova edición dos Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, que cada ano intentan vencellar a investigación que se realiza nas universidades co mundo empresarial permitíndeolle aos estudantes de Informática e de Telecomunicacións de Galicia dar a coñecer os seus proxectos de fin de carreira.