Ethics and research
This content is currently not available in English
É fundamental ser consciente das implicacións éticas que implica a investigación nos seus diferentes eidos.
Toda investigación debe desenvolverse dentro dos límites establecidos polo ordenamento xurídico, entre os que destacan os derivados dos compromisos éticos asumidos pola comunidade científica e as normas deontolóxicas.
A Universidade de Vigo comparte o espírito da “Declaración sobre a Ciencia e o uso do saber científico” da UNESCO, especialmente no relativo á necesidade de que a práctica da investigación científica e os seus resultados deben estar sempre encamiñados a lograr o benestar da humanidade, respectando a dignidade e os dereitos dos seres humanos e o medio ambiente.
Coincide tamén na necesidade de adoptar medidas axeitadas en relación cos aspectos éticos da práctica científica e o uso do coñecemento científico e as súas aplicacións. Ademais, a Universidade de Vigo está adherida ao “European Charter and Code for Researchers”, que inclúe A Carta Europea do Investigador (conxunto de principios e esixencias xerais que especifican as funcións, responsabilidades e dereitos do persoal investigador) e o Código de Conducta para a contratación do persoal investigador.
Comisións e Comités
Os seguintes organos da Universidade de Vigo velan para que se cumpran os principios éticos da investigación:
Comité ético de experimentación animal (CEEA-OH)
Organo ao que se dirixen as solicitudes de autorización de procedementos (docencia ou investigación) que requiran experimentación animal.
Comisión de investigación
Organo ao que se dirixen as solicitudes de autorización do resto de procedementos de experimentación que a requiran.
Declaración: Uso de animais na experimentación
A Universidade de Vigo adheriuse ao Acordo de Transparencia en Experimentación Animal, promovido desde a Confederación de Sociedades Científicas de España (COSCE), coa colaboración da Asociación Europea para a Investigación Animal (EARA) e lanzado o 20 de setembro de 2016.
Somos conscientes que a investigación animal xoga un papel fundamental no coñecemento dos mecanismos biolóxicos que están involucrados nas enfermidades e no desenvolvemento de tratamentos médicos. Sen o uso de animais, non disporíamos da maioría das medicinas, antibióticos, vacinas e técnicas cirúrxicas que se aplican en medicina humana e veterinaria.
Unha parte do traballo científico que se realiza na Universidade de Vigo e que contribue á mellora da vida das persoas é grazas á utilización de animais, por exemplo nos estudos de Inmunoloxía, Parasitoloxía, Endocrinoloxía ou Neurofisioloxía.
O benestar dos animais de experimentación é un tema fundamental para a Universidade de Vigo, así como o estrito respeto e cumprimento da lexislación vixente sobre protección de animais empregados en experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia. O noso obxectivo é alcanzar os máis altos estándares de benestar animal, non soamente desde o punto da responsabilidade moral sobre os mesmos, senón tamén porque non se podería lograr ciencia de calidade sen benestar animal.
A nosa experimentación animal cumpre cos estándares legais e é revisada por un comité ético de experimentación animal, que promove o uso de métodos alternativos, a redución do número de animais empregados, e o refinamiento dos procedementos experimentais. Ningún proxecto de investigación que requira o uso de animais pode comezar sen a preceptiva avaliación ética e a autorización final por parte da respectiva autoridade competente.
A Universidade de Vigo ocupase de garantir tamén que tanto o persoal ao coidado dos animais como os investigadores involucrados en experimentación conten coa formación e coñecementos necesarios, e se compromete a proporcionar os recursos precisos para o correcto mantemento dos animais de experimentación no que se refire a instalacións, manutención, benestar e atención veterinaria.
Guía de boas prácticas
Resulta fundamental proporcionar ao persoal investigador unha serie de pautas e de principios que garantan a honestidade, rigor, responsabilidade e transparencia na súa actividade investigadora, prestando especial atención a que o persoal investigador en formación adquira xa esas boas prácticas científicas desde os estadios iniciais da súa traxectoria profesional.
De feito, estas pautas de actuación teñen que ser extensivas á comunidade universitaria no seu conxunto, polo que serán aplicables a todo o persoal da Universidade de Vigo (científico, técnico, de administración e servizos, asesor e directivo), incluído o persoal investigador que se atopa en formación, e, na medida do posible, ás entidades participadas pola universidade.
A Guía de boas prácticas en investigación da Universidade de Vigo (aprobada en Consello de Goberno de 20 de marzo de 2018) recolle un conxunto de compromisos e recomendacións que servirán como guía para que o persoal investigador desempeñe a súa actividade de acordo a criterios éticos e á normativa legal vixente.
Constitúe, a efectos prácticos, un instrumento de autorregulación que complementa á lexislación en vigor e que favorecerá unha investigación de calidade, evitando comportamentos faltos de integridade.
Pódese consultar a actual guia completa na parte final desta páxina, no apartado "Documentos de interese".