DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En cada traballo participan especialistas de varias áreas de coñecemento

A convocatoria Inou financia cinco proxectos de investigación coordinados

As súas temáticas abranguen desde o turismo sostible ao fracaso escolar en matemáticas

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 17/06/2019

O turístico sostible nos espazos naturais protexidos da provincia de Ourense; a potenciación do interese turístico do Complexo Arqueolóxico e Termal de Aquis Querquennis; o fracaso escolar en matemáticas; a calidade do sector hoteleiro ourensán e a circularidade das actividades económicas da provincia. Estas son, en termos xerais, as temáticas dos cinco proxectos que a convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou 2019 financia este ano.

A convocatoria, que conta con financiamento da Deputación de Ourense, ten por obxecto apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade, así como a especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. Ao mesmo tempo pretende ser unha vía para que o persoal investigador a tempo completo máis novo da Universidade de Vigo e o que teña máis dificultades para acudir a outras convocatorias, poda pór en marcha proxectos. Como novidade nesta edición, a convocatoria propúxose impulsar a interacción entre grupos de investigación do campus de Ourense, financiando proxectos coordinados, formados por un mínimo de dous subproxectos, e nos que participa persoal investigador de cando menos dúas áreas de coñecemento diferentes. O importe total concedido ascende nesta edición a 46.200 euros.

Diversidade de propostas

O proxecto máis amplo, por implicar a investigadores das facultades de Ciencias, Historia e Ciencias Empresariais e Turismo, é o liderado por Orlando García, investigador do Grupo Ephyslab, sobre potenciación do interese turístico do Complexo Arqueolóxico e Termal de Aquis Querquennis, de Baños de Bande, Ourense. Nesta iniciativa, Orlando García desenvolverá un subproxecto de análise de inundacións neste xacemento; Fermín Pérez Losada outro sobre documentación, delimitación, estado de conservación e valoración científica e patrimonial do xacemento e Diego Rodríguez outro sobre impacto socio-económico do campamento romano Aquis Querquennis.

Mesturando persoal investigador das facultades de Ciencias e Ciencias Empresariais e Turismo, outro dos proxectos, liderado por Elena Rivo, centrarase na elaboración dun indicador para avaliar a circularidade das actividades económicas da provincia de Ourense. Nel, a profesora desenvolverá a parte centrada na optimización dos indicadores de circularidade económica, mediante a inclusión de factores correctores que non penalicen ao sector agroalimentario da provincia de Ourense, e Gonzalo Astray centrarase no establecemento dos balances de materia no sector agroalimentario da provincia, a fin de optimizar os indicadores de circularidade material.

A investigadora Rosalía Laza coordina un proxecto de desenvolvemento de ferramentas para apoiar a calidade e mellora continua no sector hoteleiro ourensán, no que ela se encargará do subproxecto de extracción e pre-procesamento de opinións sobre a calidade dos servizos prestados por este sector e Tomás Raimundo Cotos na análise e modelaxe destas opinións. Pola súa banda, María Begoña Cid lidera un proxecto dedicado á elaboración dun indicador composto de valoración do desempeño turístico sostible dos espazos naturais protexidos da provincia de Ourense. Nel, a investigadora centrarase na construción do indicador e Ana Isabel Gueimonde na abordaxe das dimensións deste desempeño.

Fóra do eido económico, o psicólogo Valentín Iglesias lidera un proxecto de prevención e intervención no fracaso escolar en matemáticas das e dos estudantes ourensáns. Nel, o profesor da Facultade de Ciencias da Educación traballará sobre as claves para a intervención temperá no que respecta ao desenvolvemento matemático das e dos escolares de Educación Infantil e Primaria e Francisco José Ribadas, de Enxeñaría Informática, encargarase de achegar a solución tecnolóxica ao proxecto.