DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tres modalidades combinaranse na actividade que terá lugar o día 11 no Pavillón Universitario

Deporte para conmemorar o Día da Muller

Trátase dunha proposta aberta á comunidade universitaria

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Igualdade
  • Deportes
DUVI Pontevedra 04/03/2020

Sumarse á conmemoración do Día Internacional da Muller, que se celebra este domingo 8 de marzo, cunha iniciativa que buscase ao mesmo tempo fomentar a práctica actividade física entre a comunidade universitaria son os dous obxectivos da iniciativa impulsada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade para o vindeiro mércores 11 no Pavillón Universitario. A partires das 19.30 horas, sucederanse nestas instalacións tres sesións das actividades dirixidas que forman parte das propostas que a área pon a disposición dos usuarios e usuarias do abono Muver: pilates, hiit e ciclo indoor

Trátase, dunha “actividade gratuíta e aberta a toda a comunidade universitaria”, explica o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus, Gustavo Loureiro, na que se buscará “aínda que uns días máis tarde” sumarse ás diferentes conmemoracións do Día da Muller que teñen lugar nestas datas, como o acto institucional que a Universidade de Vigo celebra este xoves 5 na sede da Vicerreitoría do campus. Con esa idea de conmemoración, convidarase aos e ás asistentes a portar nesta actividade deportiva un lazo violeta, así como a que, unha vez rematada, plasmen a “súa pegada pola igualdade” nuns papeis nos que poderán deixar tanto o rexistro da súa man como "unha frase ou o que consideren". Para participar nesta iniciativa, que dedicará unha hora a cada modalidade, será preciso inscribirse previamente na plataforma Campusactivo

Revisión médica gratuíta

Co obxectivo de dar a coñecer outro dos servizos que a Área de Benestar, Saúde e Deporte oferta no campus, a Unidade de Medicina Deportiva, o mércores 18 de marzo, as e os integrantes da comunidade universitaria poderán realizar, de xeito gratuíto, unha revisión médico-deportiva básica. Tamén con inscrición previa a través de Campusactivo, estas revisións levaranse a cabo no horario habitual, entre as 17.00 e as 20.00 horas, dunha unidade que presta os seus servizos na Escola de Enxeñaría Forestal cada dous mércores. O obxectivo desta iniciativa, explica Loureiro, é promocionar un servizo que ten ao fronte ao médico Santiago Perote e que permite tamén a realización de probas de esforzo, consultas dietéticas ou revisións médico-deportivas avanzadas, á vez que oferta consultas informativas gratuítas ás e aos integrantes da comunidade universitaria.