DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un congreso internacional sobre moda reunirá máis de 70 especialistas de múltiples disciplinas

A Fashion and Design Conference celebrarase o 19 e 20 de marzo no Museo de Pontevedra

Organizado por Esdemga e o grupo de investigación DX7

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/03/2020

Reunir nun foro académico a investigadores e investigadoras que, desde múltiples miradas e disciplinas, teñen na moda o seu obxecto de investigación é o obxectivo principal da Fashion and Design Conference (FADC), un congreso internacional organizado por Esdemga e o grupo de investigación DX7 Tracker. Laboratorio Visual da Universidade de Vigo, que os días 19 e 20 de marzo achegará ao Museo de Pontevedra máis de 70 expertos e expertas. “Como obxecto de estudo, a moda é un territorio fundamentalmente interdisciplinar”, salienta Lola Dopico, directora de Esdemga e responsable do comité organizador deste foro internacional, que nace neste 2020 co obxectivo de converterse nunha cita bienal que dea “acollida a todos eses investigadores e investigadoras que están a producir reflexión teórica sobre o ámbito da moda”.

Investigadores e investigadoras de ámbitos como a historia, a teoría do deseño, a socioloxía, a antropoloxía ou a semiótica tomarán parte neste congreso internacional que Dopico presentou este luns en rolda de prensa xunto co vicerreitor do campus, Jorge Soto. “Con estes perfís moi distantes, o que queremos é realizar un achegamento á moda a través das múltiples miradas posibles”, salientou Dopico. “Máis aló da moda como fenómeno ou como industria, están as súas implicacións de carácter interdisciplinar, a moda é un sistema que afecta a todo”, salientou Dopico, mentres que Soto puxo o acento no traballo que nos ámbitos da moda e do deseño se realiza desde Esdemga, recoñecido recentemente, lembrou, cun “merecidísimo premio” Cidade de Pontevedra.

Cinco conferenciantes e preto de 50 comunicacións

No chamamento á presentación de investigacións realizado nos últimos meses, a FADC recibiu máis de 70 candidaturas para formar parte das diferentes mesas de presentación de investigacións. Destas finalmente seleccionáronse, explicou Dopico, preto de 50, chegadas tanto desde diferentes puntos de España como de países como Estados Unidos, Italia, Brasil, Portugal ou Ucraína. A estas sumaranse a achegas que realizarán a este congreso as e os cinco conferenciantes convidados, entre os que se atopa a directora executiva da Asociación de Creadores de Moda de España (ACME), Pepa Bueno, cunha ampla traxectoria previa en publicacións como Vogue, Elle, Woman ou Yo dona, como explicou Dopico, que destacou a súa capacidade para “transitar” nas súas reflexión “entre o que son as necesidades da industria da moda e un nivel de reflexión teórico”. O ámbito profesional estará así mesmo representado pola creadora Arantza Vilas, a responsable de Pinaki Studios, unha empresa situada en Londres e “centrada na creación téxtil que combina os procesos tradicionais coas novas tecnoloxías”, cque nos últimos anos traballou no deseño de elementos de vestiario para producións audiovisuais como a serie Xogo de Tronos. 

Con esa idea de reunir diferentes perfís, o congreso contará tamén coa participación do catedrático da Teoría da Literatura da Universidade da Coruña Chema Paz Gago, “que foi presidente da Asociación Española de Semiótica e ten publicado moito sobre a relación entre a literatura e a moda”, apuntou Dopico. Tamén impartirá unha conferencia a profesora da Universidade Lusiáda do Porto e “especialista no ámbito do negocio da moda” Isabel Cantista, así como o profesor de Estética da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo Alberto Ruiz de Samaniego, “unha das persoas máis interesantes no referido á reflexión sobre a escritura, o cinema e a corporalidade”. Así mesmo expertos como Fátima Díaz Platas, da USC, especialista en moda e historia antiga, ou do conservador xefe do Museo Balenciaga, sumaranse tamén, nas diferentes mesas de presentación de investigacións, a esta reflexión interdisciplinar sobre a moda que, como recoñeceu Dopico, tamén se está a ver afectada polo coronavirus, que motivou, de feito, que catro relatores italianos non poidan finalmente tomar parte neste foro.

Con vocación de continuidade

Nesta presentación, Dopico sinalou este congreso internacional como “un paso máis aló” na liña de traballo de Esdemga trala súa conversión no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, xa que “xente que se formou con nós agora mesmo está a desenvolver teses de doutoramento”, que farán que nos próximos anos “vexamos emerxer novas liñas de investigación neste ámbito”. Nese senso, Dopico recoñeceu que, no eido do estudos de moda, existe en España un “déficit no que é a produción científica”. De aí que, FACD nacese, coa implicación, lembrou, grazas á implicación das alumnas de doutoramento Ana Pérez Valdés e Irene Márquez, co obxectivo de “xerar un espazo de encontro para investigadores” neste ámbito. “Agardamos que sexa o primeiro de moitos”, salientou Dopico, que sinalou á posibilidade de que o congreso se converta nunha cita de carácter bienal.

Exposicións de prendas saídas da investigación

Máis aló da reflexión teórica, o foro abriuse tamén a “investigacións con resultados prácticos”, que en varios dos casos tiveron como resultado “unha indumentaria ou unha prenda concreta”, que estarán presentes tamén neste congreso. Farano a través dunha “pequena exposición” na entrada do Sexto Edificio do Museo que reunirá 15 proxectos que as súas creadoras e creadores presentarán así mesmo nas mesas que se desenvolvan na tarde do xoves.