DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudaranse as posibilidades para a realización das prácticas de grao e mestrado

Reitores, conselleira de Educación e ACSUG reúnense para coordinar as accións durante a suspensión das clases

Realizaranse xuntanzas semanais de seguimento para adaptarse a circunstancias cambiantes

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 24/03/2020

Os reitores das tres universidades galegas, Manuel Reigosa (UVigo); Antonio López (USC) e Julio Abalde (UDC) reuníronse esta mañá por videoconferencia coa conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro e o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), José Eduardo López Pereira, para coordinar as actuacións en materia universitaria durante o período de suspensión das clases. 

Entre outros asuntos abordouse a necesidade de estudar polo miúdo as posibilidades para a realización das prácticas dos estudos de grao e mestrado, así como o desenvolvemento e seguimento das clases no ensino universitario, cuestión que as universidades están a analizar desde a súa propia autonomía.

Por outra banda, a conselleira informou de que mañá mércores está convocada a unha videoconferencia coa ministra de Educación, Isabel Celaá, e cos responsables dos departamentos de Educación do resto das comunidades autónomas, xuntanza na que agarda que se aborden cuestións como a celebración da ABAU. Así mesmo acordouse manter contactos semanais entre os representantes da consellería e as universidades co obxectivo de facer un seguimento da situación e tomar as decisións oportunas para adaptarse ás circunstancias cambiantes, así como avanzar en cuestións que permitan, no seu momento, retomar a actividade universitaria con normalidade. 

Agradecemento ás universidades polos esforzos na loita contra o coronavirus

A conselleira tamén aproveitou o encontro para agradecerlles aos reitores o compromiso das universidades para colaborar na loita contra a COVID-19, tanto no referido á actividade investigadora como á posta a disposición de material e persoal.