DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Consellería de Política Social destina esta cantidade ás tres universidades galegas

100.000 euros para potenciar a formación do alumnado sénior

A UVigo conta neste curso son 596 estudantes maiores de 65 anos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 15/01/2020

Dende que no ano 2002 botou a andar o Programa de Maiores da Universidade de Vigo, esta iniciativa non fixo máis que crecer e forma xa unha parte identitaria da institución, que continúa estendendo a formación aos maiores de 65 tanto nos campus como achegándose ao rural. Para seguir potenciado a inclusión das persoas sénior no eido universitario, a Consellería de Política Social asinou este mércores un acordo coas tres universidades galegas ao abeiro do cal destina 100.000 euros para os programas de maiores. 

A conselleira Fabiola García rubricou este escordo cos reitores da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; e da Universidade da Coruña, Julio Abalde. A responsable de Política Social explicaba que durante o ano 2019 unhas 2000 galegas e galegos de máis de 65 anos participaron nos diferentes programas de educación regrada que ofertaron as tres universidades. Deles, 596 estanse a formar durante este curso nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra, sendo 87 de novo ingreso, 63 deles mulleres.

É precisamente pola alta demanda deste tipo de programas polo que os tres reitores coincidiron en cualificar esta iniciativa como “un éxito” e remarcaron tamén o alto grao de satisfacción dos docentes e do alumnado, que pide ciclos "máis longos". Fabiola García recoñeceu o gran labor con vocación social que realizan estas institucións á hora de abrir as portas da Universidade ás persoas de máis idade. A conselleira tamén asegurou que a Xunta de Galicia manterá esta colaboración coas universidades para continuar ofertando programas que fomentan a formación e a aprendizaxe das persoas maiores, tanto daquelas que durante a súa mocidade non tiveron a oportunidade de estudar como das que desexan ampliar ou retomar a súa formación.

Unha formación con título propio

Os programas de maiores están avalados pola obtención dun título propio da universidade correspondente, que verifica a experiencia académica. Esta formación, apuntaban o reitores na rolda de prensa, organízase coa idea de que "ninguén se quede fora", dado que se orienta ao coñecemento en si mesmo e non cun "obxectivo laboral". A conselleira Fabiola García gabou este tipo de programas de formación, "moi necesarios" nunha comunidade avellentada como a galega e que ofrecen a posibilidade ás persoas maiores non só de acceder a unha formación, senón de "achegar os seus coñecementos vitais" á universidade, xa que no segundo ciclo do programa comparten aulas e docencia co alumando de grao.

Nos últimos anos tamén se puxo en marcha o que na UVigo se denomina Mareas de Coñecemento, unha proposta que trata de levar os programas sénior a pobos e vilas, estendendo a formación máis aló dos campus e abríndose ao rural. Esta iniciativa, na que participaron 200 persoas e chegou a 14 municipios, comprende charlas, conferencias, visitas guiadas e seminarios. No caso da Universidade de Vigo, no curso pasado contouse coa participación de 60 maiores de municipios do Baixo Miño e o Val Miñor. A conselleira gabou este esforzo das universidades por levar a formación académica máis aló das cidades nas que se asentan os seus campus e achegala a outros concellos da comunidade.

Unha nova Lei Orgánica, reto principal para o novo Ministerio de Universidades

Tras a rolda de prensa, e a preguntas dos medios de comunicación sobre a nova estrutura do Goberno central, o reitor da Coruña recoñecía como "un avance" que, no seu momento, se unisen os ministerios de Universidades e de Ciencia, pero tamén considera que non ten por que ser un problema que agora se separen, "o importante é que se coordinen". 

Os tres reitores galegos coincidiron en salientar a importancia da “coordinación” e a negociación de cara ao que consideran o primeiro reto desta nova etapa: unha nova Lei Orgánica de Universidades. O reitor de Vigo, Manuel Reigosa, fixo fincapé en que este será o punto central para este novo ministerio e instou ao seu responsable, Manuel Castells, a "chegar a acordos" con outros partidos para poder acadar a maioría suficiente. Os reitores tamén sinalan a necesidade de abordar temas como o financiamento dos centros ou os "problemas de renovación do persoal". Os reitores da Coruña e Santiago tamén incidiron na importancia de actualizar normativas como a regulación do persoal docente e investigador, o decreto de bolsas ou o regulamento disciplinario do estudantado.