DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse este venres no campus de Ourense

120 escolares competiron na II Olimpíada Galega de Historia

O equipo gañador foi o do CPR Sagrado Corazón de Celanova

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Premios
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 24/05/2019

120 alumnos e alumnas de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria de 30 centros educativos galegos participaron este venres no campus de Ourense na II Olimpíada Galega de Historia. Fai Historia con Nós, organizada pola Facultade de Historia. Despois de toda unha mañá de competición, o equipo gañador da cita foi o procedente do CPR Sagrado Corazón de Celanova, quedando subcampión o representante do IES Lagoa de Antena, de Xinzo de Limia.  

Na benvida ao campus ao alumando participante e ao profesorado que o acompañou, Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, salientou como a celebración desta olimpíada “é unha defensa marabillosa do que é a nosa rama humanística”, agradecendo a implicación nesta cita tanto dos centros educativos participantes como do alumnado e profesorado da facultade que colaborou na organización. Pola súa banda Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, destacou ante as e os asistentes como “é un luxo para esta universidade ver esta aula tan chea de vida e actividade” e deu a noraboa á Facultade de Historia polo éxito da convocatoria. “Todos sodes gañadores”, díxolle ás e aos escolares Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, que fixo fincapé en como esta cita permite aos rapaces e rapazas non só competir senón tamén aprender, coñecer xente e achegarse á universidade.   

Os equipos dos centros participantes, formados por catro estudantes, enfrontáronse nun certame que seguiu o esquema pregunta-resposta e que tiña por obxectivo pór a proba os seus coñecementos de historia, cinguíndose aos contidos do currículo da materia de Xeografía e Historia de 4º de Educación Secundaria Obrigatoria. Nas primeiras quendas do concurso, os rapaces e rapazas competiron a través dunha plataforma electrónica á que accedían a través de teléfono móbil. Xa na fase final, a competición foi de xeito oral nunha sesión guiada polo catedrático de Historia Contemporánea Jesús de Juana. Para os membros, os centros e os profesores e profesoras acompañantes dos catro equipos que chegaron á final da olimpíada houbo diferentes agasallos proporcionados polas entidades colaboradoras desta iniciativa, como son o Consello Social da Universidade de Vigo, o Concello e a Deputación de Ourense e as empresas Caldaria e Coren.