DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arranca no mosteiro de Santo Estevo a celebración do Ourense Rural Summit

130 especialistas na busca de oportunidades de futuro para o rural

Na cita participan axentes do eido público e privado de dez países

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 29/10/2019

Deseñar unha nova narrativa para o medio rural na que se adopte un enfoque en positivo e centrado nas oportunidades que ofrece. Con este reto, este martes arrancou no mosteiro de Santo Estevo a celebración do Ourense Rural Summit, unha cita organizada pola Universidade de Vigo en colaboración coa Deputación Provincial que reúne ata o xoves a 130 participantes tanto do eido público coma privado de máis dunha decena de países.

Na inauguración da actividade, María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo, indicou que esta cita é a primeira das accións do Observatory of Rural Research de Ourense, iniciativa froito da colaboración entre a institución académica e órgano provincial. A vicerreitora fixo fincapé en como esta liña de traballo nace da convicción dos seus promotores de que “o rural ten futuro”, apostando “por unha nova narrativa, unha narrativa en positivo, para o rural”. María Isabel Doval explicou como o Ourense Rural Summit reúne a 130 expertos e expertas tanto do eido académico como do tecido rural e emprendedor coa idea de que “todas as voces son necesarias”, recalcando como esta cita xunta “o mellor do eido académico e rural para xerar coñecemento sobre o mundo rural e para contribuír a innovar o seu ecosistema”. “Vemos o rural como unha oportunidade para Europa”, recalcou.

Do mesmo xeito, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, subliñou como coa posta en marcha deste observatorio e este encontro comeza “un percorrido con obxectivos ambiciosos” cuxo reto é avanzar no desenvolvemento rural e contrarrestar o despoboamento. A posta en marcha destas iniciativas, indicou, forma parte das “medidas innovadoras” incluídas no plan de mandato do órgano que preside. O Ourense Rural Summit, recalcou Baltar, fixará, grazas á colaboración das e dos participantes nel, unha "folla de ruta" para o Observatory of Rural Research de Ourense.

Pola súa banda, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, salientou a importancia de iniciativas como o Ourense Rural Summit fronte ao despoboamento do rural. “Nos tempos que corren este tipo de iniciativas son unha obriga e un desexo xa que debemos dotar de ferramentas actuais ao rural para conseguir chegar a un futuro mellor e evitar ese despoboamento que asexa aos nosos pobos”, recalcou a vicerreitora. Por último, María Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, puxo o aceno no formato do encontro, subliñando o seu carácter internacional e a súa multidisciplinariedade. Segundo dixo a vicerreitora, “cando se poñen xuntos estes dous ingredientes temos moi bos resultados” na xeración de innovación, de coñecemento e de proxectos. Neste senso, María Belén Rubio amosou o seu desexo de que co Observatory of Rural Research de Ourense “sexamos quen de facer moitas cousas”.  

De Marrocos ao Caurel

Despois da inauguración, Bernadette Montanari, experta en biodiversidade cultural da Universidade de Kent (Reino Unido), impartiu unha conferencia sobre desenvolvemento local e globalización. Nela falou da súa investigación en Marrocos centrada na busca do desenvolvemento socioeconómico de comunidades rurais dese país. No seu proxecto, explicou, pretende atopar o xeito de que sexan as propias comunidades locais as que se beneficien da explotación da súa riqueza natural, xerando valor engadido no territorio para a mellora das condicións de vida nestes lugares.

A programación continuará esta tarde coa celebración das primeiras conversas simultáneas, espazos onde se presentarán diferentes iniciativas innovadoras do rural. Katarin Tausz, directora do Instituto de Estudos Socias da Universidade Eötvös Loránd de Hungría, falará sobre pobreza no mundo rural dos países pos-socialistas; Manuel Blanco, sobre o agro vivo; Débora Iglesias-Rodríguez, da Universidade de California, sobre a situación da vida mariña nos océanos e Iria García, investigadora do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, sobre o papel das confrarías de pescadores galegas na protección dos recursos mariños e a consecución da equidade. Ademais, Juanjo Manzano e Conce Macías, de AlmaNatura, exporán o seu proxecto de “reactivación rural resiliente” e Aser Álvarez presentará o Foro Internacional sobre a Cultura e a Economía Rural. Esta primeira sesión tamén permitirá ás persoas asistentes coñecer casos de empredemento rural e ou social como Muuhlloa, Anna Champeney Textile Studio, Sovoral Apicultura Orgánica e Inés Rir Textiles Estudio.

O mércores e o xoves a actividade seguirá o mesmo esquema de arrancar cunha conferencia e continuar coa celebración de conversas simultáneas. Así está prevista a intervención de Deirdre O´Connor, da Universidade de Dublín, sobre o papel das comunidades rurais na seguridade e política alimentaria, e outra de Rebecca Schiff, da Universidade de Lakehead, sobre a saúde no rural. As conversas continuarán abordando cuestións que abranguen desde ideas máis xerais, como os perfís da ruralidade contemporánea, ata casos concretos, como o papel da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel. Tamén haberá diversidade de temáticas, abranguendo desde o papel das miñocas de terra nos viñedos ata a imaxe do rural nos medios de comunicación. O Ourense Rural Summit rematará o xoves coa presentación das súas conclusións, a firma dun decálogo de retos e a presentación da estratexia do International Observatory of Rural Research.