DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na celebración do Torneo Activo Campus Ourense e da Copa Deputación Lóstrego

150 xadrecista déronse cita esta fin de semana nas instalacións universitarias

O equipo de rugby sumou o sábado unha vitoria fronte ao Kaleido Universidade de Vigo

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 25/11/2019

Esta fin de semana, o campus de Ourense acolleu a celebración de dúas citas de xadrez que reuniron a máis de 150 xadrecistas e nas que xogadores do equipo universitario acadaron diversos galardóns. Polo que respecta aos resultados deportivos, o equipo de rugby sumou unha nova vitoria esta fin de semana, neste caso contra o Kaleido Universidade de Vigo.

Dúas citas de xadrez

As competicións de xadrez tiveron lugar no Edificio de Ferro baixo a organización da Asociación Xadrez Ourensán Universitario e en colaboración coa Asociación de Xadrez Ourensán. A primeira delas, a Copa Deputación de Ourense Lóstrego, tivo lugar o sábado e foi dominada polo xogador do Universitario de Ourense Manuel Vidal, seguido polo xadrecista do Celanova Jairo Villar. En terceiro lugar quedou Marcos Reza, tamén xogador do Universitario de Ourense. A campioa da categoría feminina foi Puri Diéguez, do Xadrez Benchoshei. A segunda competición, o Torneo Activo Campus Ourense, considerado o torneo de xadrez máis antigo da provincia de Ourense, celebrouse o domingo 24. Neste caso, o primeiro posto foi para César Pérez, do Universitario de Ourense, o segundo para Manuel Vidal, do mesmo conxunto, e o terceiro para Gumersindo Rodríguez, do Celanova. A campioa da categoría feminina foi María Alonso Moyano, do Xadrez Benchoshei.

Nova vitoria en rugby e baloncesto

En rugby, o sábado o Campus Universitario Ourense RC visitou ao Kaleido Universidade de Vigo no “primeiro duelo rexional da tempada”, que tivo lugar no campo das Lagoas-Marcosende. “Para ambos equipos, este é sempre un partido especial, que foi finalmente para o Campus Ourense por 18 a 26”, indican desde o club ourensán. Con este marcador, o Campus Universitario Ourense RC sitúase terceiro do seu grupo na división de honra B do rugby estatal, con sete vitorias e dúas derrotas no que vai de tempada. Polo que respecta ao baloncesto, tamén segue coa súa boa racha de vitorias o equipo masculino sénior do campus de Ourense. O conxunto gañou o domingo 54-74 ao Syngenta Seis do Nadal. Con este resultado os ourensáns mantéñense líderes invictos do seu grupo na primeira división masculina.