DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O desfile terá lugar o xoves 21 e verase complementado por diferentes actividades formativas

20 coleccións optarán sobre a pasarela aos tres premios de Debut 2019

Presentáranse por primeira vez traballos finais do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/11/2019

Na súa décimo terceira edición, Debut, o desfile no que os novos titulados e tituladas de Esdemga presentan as coleccións que constitúen os seus proxectos de fin de estudos, levará á pasarela os traballos finais de tituladas no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. Xunto ás dez primeiras egresadas do posgrao que se imparte na Facultade de Belas Artes, presentaranse tamén neste desfile os proxectos finais de dez alumnas que completaron o título propio de Esdemga, de tal xeito que no evento que o vindeiro xoves 21 terá lugar no Pazo da Cultura serán 20 as coleccións que optarán aos tres premios que se conceden nesta ocasión. O desfile completarase ademais coa presentación dos traballos que, no marco da súa formación, realizaron máis de 20 alumnos e alumnas do mestrado e este evento verase complementado á súa vez por un programa de talleres formativos ao longo da vindeira semana.

“Debut é unha pasarela, unha semana de actividades e é, especialmente, unha ponte que tendemos entre a Universidade, o alumnado que remata os seus estudos e o mundo profesional”, salientou a directora de Esdemga, Lola Dopico, na presentación do programa de Debut 2019. A concelleira de Cultura, Carme Fouces, o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán; o director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Manuel Morquecho; e a directora de márketing do centro comercial Gran Vía de Vigo, Angélica Falagán, participaron tamén na Vicerreitoría do campus na presentación dunha pasarela que cada ano reúne máis de 1500 persoas no Pazo da Cultura. “Como administración, a nosa función é dar soporte a proxectos que sabemos que son de excelencia e que colocan á cidade nun estándar de calidade moi difícil de acadar”, salientou Fouces neste acto, no que Buxán puxo de relevo a “capacidade de éxito” dun evento que é o resultado “dun xeito de traballar absolutamente comprometido”.

20 proxectos, tres premios

Entre as 20 coleccións femininas, masculinas e infantís que constitúen os traballos de fin de estudos e de máster que se presentarán neste desfile figuran, como lembrou Dopico, “propostas de todo tipo”, desde traballos “que abordan a cuestión de xénero”, a coleccións “con referencias cinematográficas ou literarias”. Aberto a toda a cidadanía, Debut 2019 acollerá nese senso a presentación das coleccións das ex-alumnas do título propio de Esdemga Teresa Búa, María Fall, Andrea González, Paloma Malvar, Vicky Cordero, Miriam Otero, Vanessa Parente, Andrea Piñeiro, Icía Vázquez e Laura Villegas; xunto coas das dez primeiras tituladas no mestrado, Alexandra Pais, Inmaculada Rorigues, Silvia Vilarelle, Laura Murillo, Andrea Flórez, Anaïs Kerbrat, Tania Campos, Silvia Marra, Ana Casas e Sandra Parguiña. 

Todas elas optarán ao primeiro e segundo premio que outorga a empresa Jesús Peiró, pero tamén ao galardón á colección con maior potencial comercial que Gran Vía de Vigo entregará por primeira vez. “O proxecto de Debut pareceunos apaixonante”, salientou a responsable de márketing deste centro comercial, que outorgará unha bolsa de 3000 euros á estudante seleccionada polo xurado, á que tamén “buscaremos darlle visibilidade nas distintas iniciativas vinculadas ao mundo da moda que levemos a cabo no centro comercial”.

De ditaminar o nome das gañadoras encargarase un tribunal de expertos de “auténtico luxo”, integrado pola directora do Departamento de Moda da Kingston University de Londres, Elinor Renfrew, a embaixadora da International Global Foundation e ex-editora xefe de moda do Daily Telegraph, Hilary Alexander; o director comercial da firma italiana Limonta, Cesare Becalli; e o co-fundador de Loreak Mendian Víctor Serna. 

Unha semana dedicada á moda

Máis aló do desfile, o programa de Debut 2019 completarase con seis workshops dirixidos ao alumnado. Esta programación abrirase o luns co taller que Anastasia Pistofidou, directora do laboratorio de investigación FabTextile, centrará “nun territorio de investigación moi novidoso”, como é o desenvolvemento de biomateriais e a reciclaxe de materiais téxtiles. Tamén o luns, o fotógrafo e creativo no departamento de comunicación de Bimba y Lola Daniel Garzee impartirá un taller sobre o traballo de edición fotográfica. A xornada do martes, explicou Dopico, estará centrada en achegar ao alumnado ferramentas para as súas primeiras prácticas e entrevistas de traballo, cos talleres que impartirán Ángeles Llamazares, técnica de emprego da Fundación Universidade de Vigo, e Jacobo Barral, responsable de Recursos Humanos de Téxtil Lonia.

O mércores terá lugar un taller sobre o traballo con plumas no deseño de complementos de moda, impartido polo deseñador Félix Pérez Oliveira. Pola tarde, este programa formativo pecharase cun workshop sobre o desenvolvemento dunha colección de moda con dúas “institucións” no mundo da moda, como salientou Dopico. Trátase de Elinor Renfrew, “unha das persoas que lideran a educación internacional en moda”, e Hilary Alexander, “personaxe clave na historia da moda nos últimos anos”, unha xornalista recoñecida con premios como o British Fashion Award e que na actualidade exerce como “asesora para os principais centros educativos de moda de todo o mundo”.

Tralo desfile, o programa de Debut 2019 pecharase o venres 22 coas Xornadas Técnicas de RRHH, na que as novas tituladas manterán unha serie de entrevistas con representantes de diferentes firmas do sector, a raíz das que “sempre xorden oportunidades” de traballo para as novas tituladas e titulados, salientou Dopico.

Programa de Debut 2019

Fotografías das diferentes coleccións