DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira promoción destes estudos celebra o aniversario da súa entrada na Universidade

25 anos formando enxeñeiras e enxeñeiros técnicos agrícolas

Nun acto que tamén quere ser unha reivindicación da importancia desta titulación para Ourense

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 23/10/2019

A primeira promoción de Enxeñaría Técnica Agrícola regresará, 25 anos despois, ao campus de Ourense. A aula magna da Facultade de Ciencias acolle o venres 25 de outubro, ás 19.00 h, un acto no que se conmemorá o cuarto de século transcorrido desde que, en 1994/1995, arrancaron os estudos desta titulación. O evento, organizado pola primeira promoción de egresados e egresadas desta titulación en colaboración coa facultade e co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense, será tamén unha oportunidade para reivindicar a importancia destes estudos no contexto galego. 

O acto arrancará con intervencións de Gil Garrote, decano da Facultade de Ciencias, que falará da evolución destes estudos desde a súa creación ata a actualidade, e de Manuel Rojo, presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense, que afondará no exercicio profesional neste eido. Manuel Gómez-Franqueira, presidente do Grupo Coren e padriño desta primeira promoción, volverá tamén ao campus 25 anos despois para ofrecer a súa visión do sector agroalimentario en Ourense. Pechará o acto unha intervención de Elena Rivo, comisionada de Coordinación Institucional da Universidade de Vigo, e unha distinción ao alumnado da primeira promoción homenaxeada. “Celebrar 25 anos dunha titulación que está case desde os seus inicios é un motivo de moita satisfacción. A carreira, que dá acceso a unha profesión regulada, foi e é moi importante no desenvolvemento da nosa facultade pero tamén no desenvolvemento da provincia, xa que aquí se formaron centos de titulados e tituladas, moitos deles actualmente activos no sector”, comenta Gil Garrote. Ao longo deste cuarto de século, engade o decano de Ciencias, saíron das aulas deste centro arredor de 1500 egresados e egresadas nestes estudos, lembrando como chegou a haber promocións de case 200 estudantes. Na actualidade, apunta, “non temos tanto alumnado como desexamos” pero recalca a necesidade de manter uns estudos “nunha provincia como Ourense moi apegada ao medio rural e na que polo tanto profesionais desta área son moi importantes”.

Pasado e futuro

Bibiana Fucci, secretaria técnica do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense, encargada da coordinación do evento e membro da primeira promoción que organiza esta homenaxe, lembra como a idea de levar a cabo esta actividade xurdiu cando o pasado ano, nunha cea de compañeiros e compañeiras de promoción, “rememorando vellos tempos démonos conta que ía facer 25 anos que se instalara a Enxeñaría Técnica Agrícola en Ourense e pensamos que sería unha boa ocasión para celebrar en moitos sentidos”. Así, indica, alén de conmemorar a título persoal que pasaron 25 anos desde os inicios dos seus estudos e da súa vinculación co sector agrario, a celebración esténdese ao centro, por contar cuns estudos con esa dilatada traxectoria, e ao colexio profesional, do que forman parte os titulados e tituladas que exercen en Ourense.

Facendo memoria dos 25 anos transcorridos, José Ángel Cid, egresado da primeira promoción e tamén profesor na Facultade de Ciencias, lembra como esta primeira promoción “foi moi especial pois a súa chegada supuxo un cambio moi radical para o centro, xa que cambiaba de Farmacia e Biolóxicas a Agrícolas, e aínda se estaba acabando o edificio Politécnico”. Desta promoción de 153 persoas, Cid destaca que “foi moi unida entre ela e tamén co profesorado, xa que superamos os mesmo problemas, ou máis acentuados, de calquera promoción dunha titulación que empeza”. Entre as anécdotas, sinala como en terceiro curso de carreira fixeron un encerro de dez días porque faltaba un profesor. “A verdade é que todos son bos recordos da etapa universitaria”, indica Cid. Rematados os estudos, o  profesor sinala como “moitos quedámonos por Ourense e Galicia e seguimos mantendo o contacto”, indicando como no seu caso non tiveron problemas de empregabilidade e como na actualidade traballan en eidos moi diversos, desde o ensino ou a administración ata o sector privado.

Sobre o acto que se celebrará este venres, José Ángel Cid subliña como “queremos recordar pero tamén queremos darlle pulo a unha enxeñaría con competencias profesionais que leva 25 anos aquí e que por este tema dos modismos está tendo unha menor demanda en España, acentuada nas universidades do interior”. Así, recalca, “queremos acentuar que esta aposta non se debe deixar, que toda esta experiencia de 25 anos ten que continuar”, lembrando como no centro “fórmanse técnicos que poden abranguer unha cantidade de traballos moi importante e que hoxe por hoxe están cubrindo practicamente todo o traballo técnico que se está facendo no rural galego”.