DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exalumna do programa de doutoramento DoMar impartiu unha charla no edificio Miralles

Achegándose a Groenlandia da man da investigadora Adriana Nogueira-Gassent

Traballa no Instituto de Recursos Naturais da illa como responsable da avaliación do stock de fletán

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Visitas
  • Investigación
D. Besadío DUVI 20/02/2020

A comunidade universitaria tivo este xoves a oportunidade de coñecer de preto como é a experiencia de traballar nun lugar como Groenlandia, unha enorme illa situada entre os océanos do Atlántico norte e o Ártico, considerada territorio danés autónomo e na que  o 85% da súa superficie está cuberta por unha capa de xeo que nalgunhas zonas pode chegar a alcanzar os tres quilómetros de espesor. Fíxoo da man da investigadora Adriana Nogueira-Gassent, ex alumna do programa de doutoramento DoMar en Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión do Campus do Mar, e que na actualidade forma parte do Departamento de Pesca e Marisqueo do Instituto de Recursos Naturais deste país nórdico.

Bióloga mariña de formación, Nogueira-Gassent regresou a Vigo convidada pola Agrupación Estratéxica Ecobas (Economics and Business Administration for Society) e o propio Campus do Mar e encargouse de presentala o profesor do Departamento de Economía Aplicada, Manuel Varela, quen lembrou a chegada a Vigo da investigadora no ano 2008 para matricularse no Máster en Economía e Xestión do Medio Mariño e dos Recursos Pesqueiros, que el mesmo codirixía. “Desde esas primeiras conversas con ela, cando buscaba información sobre o máster xa me quedaron claras dúas cousas: dunha banda, que o seu era o mar, que tiña auténtica paixón polas cuestións mariñas e, da outra, a súa inmensa capacidade de iniciativa e inquietude, características coas que debe contar todo bo científico”, resaltou na súa presentación o docente, antes de darlle paso á investigadora.

“Pensade que entre cidades non hai estradas e todos os desprazamentos son en avión ou barco”

Nogueira-Gassent iniciou a súa intervención presentando o seu país de acollida e explicando as principais características e funcións do organismo no que traballa. “Groenlandia é un lugar inmenso no que só viven 56.000 persoas, polo que basicamente podemos falar dun sitio practicamente deshabitado, no que a cidade máis grande é a capital, Nuuk, onde apenas viven 18.000 habitantes”, salientou a experta, quen foi salpicando a súa intervención con diferentes curiosidades que dan idea de como é o día a día nesta illa nórdica. “Pensade que entre cidades non hai estradas e todos os desprazamentos hai que realizalos en avión ou en barco”, explicou, ao que engadiu que as principais actividades económicas e fontes de ingreso dependen da pesca. “Na actualidade a pesca máis importante é a do camarón, seguida da do fletán negro”, explicou Nogueira, quen falou tamén da importancia de especies como o bacallau ou o salmón. 

Con respecto ao Instituto de Recursos Naturais, no que ela traballa, salientou que se trata dun organismo asesor no que traballan 60 investigadoras e investigadores divididos en cinco departamentos, entre eles o de Pesca e Marisqueo, do que ela forma parte como responsable da avaliación do stock do fletán do oeste de Groenlandia  (NAFO Divisións 0 and1), participando en diferentes proxectos internacionais centrados na delimitación de stocks de fletán negro, cambio climático e distribución de especies.

Tras a charla tivo lugar un pequeno aperitivo no que as e os participantes tiveron a oportunidade de comentar máis de preto coa investigadora os detalles do seu traballo e de vivir nun lugar tan particular como esta inmensa illa poboada de xélidos mantos de neve e xeo.