DUVI

Diario da Universidade de Vigo

20 estudantes de ADE, Enxeñaría e Deseño de Moda participaron na xornada STL Take Off

Alto potencial e motivación do alumnado vigués para Sociedad Textil Lonia 

Os responsables da empresa valoran “o compromiso, curiosidade e coñecemento” dos participantes 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 04/03/2020

Do arredor de 70 currículos recibidos, unicamente 20 foron preseleccionados para participar na xornada de recrutamento de estudantes que Sociedad Textil Lonia (STL) celebrou na sala I do edificio Miralles do campus de Vigo. Con tendas en países de catro continentes e un cadro de persoal de máis de 2500 empregadas e empregados, Sociedad Textil Lonia (STL), responsable das marcas Purificación García e CH Carolina Herrera, “aposta pola combinación de anos de experiencia, mocidade e talento como clave do éxito. A través de iniciativas como STL Take Off coa Universidade de Vigo, apostamos por esta xeración para captar aos nosos futuros líderes, transmitindo oficio, paixón e ilusión por seguir construíndo un proxecto ambicioso que perdure no tempo”, explica Pilar Pérez, directora de RRHH de STL.. Pilar Pérez coincide co resto da decena de representantes da empresa que participaron na xornada de recrutamento de estudantes celebrada no campus vigués, no alto potencial e motivación das e dos participantes, matriculados na súa maior parte no Grao en Enxeñaría de Organización Industrial, así como en ADE e Deseño de Moda, “todos eles relevantes nun modelo de negocio como o de Sociedad Textil Lonia, integrado verticalmente, do deseño ao punto de venda, pasando pola produción e distribución”, sinala a directora de RRHH.

Coa finalidade de cubrir posicións prácticas en media ducia de áreas estratéxicas da compañía con alumnado que se incorporará a través dun formato Feuga cun contrato inicial de seis meses prorrogables outros seis, STL organizou esta cuarta xornada de recrutamento, na que o seu equipo de profesionais deu a coñecer o seu proxecto e valores e o alumnado puido descubrir “o abano de posibilidades que hai detrás das nosas marcas, a través dos piares fundamentais da nosa empresa: orientación ao cliente e artesanía”, explican os representantes da empresa. Proba do compromiso de STL coa artesanía foi que nesta xornada celebrada no campus vigués, o alumnado tivo a oportunidade, por vez primeira, de participar nun obradoiro de creación dun bolso de pel das firmas CH Carolina Herrera e Purificación García.

Reforzando a alianza universidade-empresa 

Perfís que destaquen polos seus valores e actitude, máis aló dunha experiencia pasada ou formación concreta, ademais de proactividade ,capacidade analítica e de aprendizaxe, son os  perfís que STL procura entre o alumnado universitario, reforzando así a alianza universidade-empresa, “corresponsabilizándonos na formación e desenvolvemento do talento e polo tanto na creación de emprego nun proxecto con denominación de orixe galega con visión e impacto global”, sinala Pilar Pérez.
A responsable de RRHH de STL anima ao alumnado a vivir con eles unha experiencia que considera única, na que baixo o mesmo paraugas desenvólvense variados proxectos: desde innovación nos procesos industriais e creativos, ata a analítica e ciencia do dato precisas para unha mellor toma de decisións na distribución e a atención personalizada ao cliente. “STL é unha empresa nova que está a apuntalar o rápido crecemento e solidificando a súa presenza en máis de 50 países a nivel internacional. Estamos escribindo o libro”, asegura Pilar Pérez.

STL celebrará no campus de Ourense o vindeiro día 10 unha nova xornada de recrutamento de alumnado.