DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xiana Pérez Ogando rematou en terceiro lugar na competición de florete feminino

Un alumna do campus, bronce no Campionato de España Universitario de Esgrima

O EXP-Universidade de Vigo terá que agardar para proclamarse campión da Liga Galega de Xadrez

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 08/04/2019

Despois da medalla de ouro lograda a semana pasada polo equipo de balonmán feminino, a Universidade de Vigo continúa sumando éxitos nos Campionatos de España Universitarios que nestas semanas se desenvolven na Comunidade Valenciana. Desta volta, da man da estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Xiana Pérez Ogando, que acadou a medalla de bronce no CEU de Esgrima celebrado en Valencia nesta fin de semana, na que o Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola paz sufriu a súa primeira derrota da tempada, que lle impediu proclamarse matematicamente campión da Liga Galega de Xadrez.

Deportista do Club Esgrima Olivo de Vigo, Xiana Pérez Ogando logrou no torneo celebrado pola Universidad CEU Cardenal Herrera, no Centro de Tecnificación de Esgrima de Benimaclet, repetir o terceiro posto que xa acadara en 2018 no Campionato de España Universitario, celebrado entón en Almería. Na competición de florete, a estudante do campus pontevedrés superou en primeiro termo unha fase clasificatoria, na que só perdeu un único asalto, fronte á actual campioa de España universitaria. Xa nas eliminatorias, a tiradora superou claramente en cuartos á representante da Universitat de Valencia, para medirse nas semifinais á Laura Alonso, da Universidad Autónoma de Madrid, actual campioa de España júnior e que, tras superar á representante da Universidade de Vigo, faríase coa medalla de ouro neste torneo, derrotando na final a Diana Victoria Mondejar, da Universidad Católica de Valencia San Vicente Mártir. 

O título autonómico terá que agardar á última xornada
 

Esta fin de semana tamén tivo lugar a penúltima rolda de competición da Liga Galega de Xadrez, á que o equipo da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade Vigo chegaba con opcións de proclamarse campión de forma matemática. Mais o título galego terá que agardar á última xornada, xa que o equipo universitario sufriu esta fin de semana en Chantada a súa primeira derrota da tempada. O equipo pontevedrés caeu 4-2 fronte o Círculo Chantadino Dragan Paunovic, que co gran mestre búlgaro Petkov e o gran mestre serbio Strikovic como primeiros taboleiros acadaba matematicamente a permanencia nun enfrontamento que, en apenas dúas horas, comezaba a deixar malas noticias para os visitantes, que vían como Rubén Fernández perdía a súa primeira partida da tempada. Pouco despois chegou a derrota de Alberto Portela fronte a Petkov no primeiro taboleiro, fronte á que a vitoria do capitán, Pablo García, permitiría tomar algo de aire aos pontevedreses. Mais, cando estaba a piques de cumprirse a cuarta hora de xogo, chegou a terceira derrota da xornada, a de Victor Miguel. Con dous taboleiros por resolverse, o EXP-Universidade de Vigo puido sumar un segundo punto grazas ás táboas logradas por Daniel Rivera e por Francisco Veiga, quen con tan só 15 anos foi quen de facer fronte a un experimentado gran mestre como Strikovic.

Non obstante, os dous puntos colleitados nunha xornada na que os tres equipos do EXP que continúan en competición sumaron tres derrotas, non resultaban suficientes para selar o título autonómico, que se decidirá o 26 de abril na Casa da Luz, onde o equipo universitario recibirá ao último clasificado da División de Honra, o Xadrez Tui. O EXP-Universidade de Vigo só precisa nesta xornada conseguir 1,5 puntos para acadar matematicamente o título, xa que actualmente suma 40,5 puntos, 4,5 máis que o segundo clasificado, o Círculo Ferrolano, que suma 36, e cinco máis que o terceiro, o equipo da USC.