DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas a un convenio asinado con Tecnalia

O alumnado de Aeroespacial poderá facer prácticas na maior corporación tecnolóxica de España

Únese aos xa postos en marcha este curso académico con Boeing e INTA

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 07/02/2020

O alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense poderá este curso académico realizar prácticas en Tecnalia, “a maior corporación tecnolóxica de España”, segundo explican desde o centro ourensán. Será grazas a un convenio de colaboración educativa asinado recentemente entre a Universidade de Vigo e a entidade, convenio que se une aos xa postos en marcha anteriormente este curso académico con Boeing e o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA).

Ampliando opcións

Segundo explica Higinio González, subdirector da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, “este curso asinamos convenios de colaboración educativa para a realización de prácticas por parte dos nosos estudantes con Tecnalia, Boeing e INTA, os tres referentes no ámbito aeroespacial”. Así, detalla, “Tecnalia é a maior corporación tecnolóxica de España, con sede no País Vasco, sendo o sector aeroespacial un dos seus núcleos de actividade. Actualmente desenvolve proxectos no eido do transporte de persoas con sistemas aéreos en cidades”. O convenio posto en marcha, indica, “dá a posibilidade ao noso alumnado de facer prácticas nas sedes desta corporación, que conta con arredor de 1500 traballadores, a maioría enxeñeiros”.

Sobre Boeing, o subdirector da escola do campus de Ourense lembra como “xunto con Airbus é o maior fabricante a nivel mundial” e como desenvolve en Galicia un proxecto orientado á xestión de tráfico aéreo en contornas nas que coexisten vehículos tripulados e non tripulados. Polo que respecta a INTA, Higinio González destaca como se trata do "maior instituto de investigación aeronáutica de España", que está a participar no desenvolvemento do CIAR (Centro de Investigación Aeroportada) en Lugo, no aeródromo de Rozas. Estas tres incorporacións que se producen este curso académico, comenta Higinio González, son “un paso máis” no eido das prácticas externas que se suman á colaboración xa existente anos atrás con entidades como Coasa, Utingal, Alén Space, Aistech Space, Aeromedia, CTA, Galfor, Faurecia ou CTAG, entre outras.

O curso pasado, indica o subdirector da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, realizaron prácticas externas 19 rapaces e rapazas deste centro, estimando que este curso académico a cifra aumente a 20 ou 25. “Xa o curso pasado ofertáronse máis prácticas das que se cubriron finalmente pero seguimos ampliando o número de entidades colaboradoras xa que o que buscamos é que o noso alumnado teña o maior número posible de opcións á hora de elixir”, destaca Higinio González. “Na actualidade xa temos bastantes convenios de colaboración educativa asinados polo que do que se trata agora é de intentar non tanto medrar en cantidade senón en mellorar a calidade da oferta das prácticas”, comenta o profesor da Universidade de Vigo. Así, apunta por último, “canto mellor sexan as prácticas externas do noso alumnado máis útiles serán para eles”.