DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha charla informativa celebrada este xoves

Alumnado de Ciencias da Educación comeza a familiarizarse coas oposicións ao ensino público

Membros de CSIF foron os encargados de explicar as características destas probas

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Visitas
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 09/05/2019

A Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu este xoves unha charla informativa sobre o acceso ao ensino público. Membros da rama de ensino de CSIF,  Central Sindical Independente e de Funcionarios, achegáronse ao centro para explicar en detalle ao alumnado dos graos de Educación Infantil e Primaria todas as claves que terán que ter en conta cando nun futuro non moi afastado se convertan en opositores ou opositoras ao ensino público.  

Gabriel Prada e José Carlos Fernández arrancaron a súa charla explicando o proceso das oposicións para ser mestra ou mestre, desde a normativa, o sistema de matrícula e as fases de concurso ata os temarios, probas prácticas e programación didáctica. Tamén detallaron ao alumnado presente como conseguir puntos para o baremo de méritos, os diferentes tipos de contratos que poden ter e as características das listas de substitución e as de contratación.

Convocatoria de prazas “aceptable”

“O obxectivo desta charla é informar aos alumnos, que moitas veces andan algo perdidos, sobre as posibilidades de acceso á función pública que teñen a través das diferentes oposicións”, comentou Gabriel Prada antes da realización da actividade. Lembrando como a oposición é a principal saída profesional para o alumnado de Educación Infantil e Primaria, Prada salientou como “nos últimos anos, debido a que a Comunidade Europea esixe baixar a taxa de interinidade, está habendo todos os anos unha oferta de prazas na comunidade autónoma de Galicia bastante aceptable”.

Aínda que o alumando presente no acto celebrado este xoves non se pode presentar á convocatoria de 2019, que se celebra en xuño, na charla animouse aos estudantes presentes a ir “madurando” esta idea. Entre os datos para afrontar con ganas a preparación das oposicións, Gabriel Prada lembrou como nun estudo feito polo seu sindicato o pasado ano sobre as persoas que aprobaron as oposicións de mestre, os resultados indican que un terzo foron interinos, un terzo substitutos e outro terzo persoas que se presentaron por primeira vez á oposición na fase de concurso.  “É como todo, uns aprobarán á primeira, outros á segunda, outros á terceira... o importante é ir entrando porque estamos falando dun traballo estable para toda a vida facendo aquelo para o que estudantes”, indicou.