DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do convenio de recoñecemento de estudos coa Universidade de São Paulo

O alumnado de Dirección e Xestión Pública achégase ás oportunidades profesionais que se lle abren no Brasil 

Nunhas xornadas protagonizadas polo profesor brasileiro Fernando Coelho

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/12/2019

Desde 2013, as universidades de Vigo e São Paulo manteñen un convenio de recoñecemento mutuo de estudos que permite tanto ao alumnado do grao en Dirección e Xestión Pública da institución viguesa como ao estudantado da titulación en Xestión de Políticas Públicas da brasileira obter os dous graos cursando cando menos un curso na outra universidade. Dar a coñecer as diferentes saídas profesionais da titulación de São Paulo e que, a raíz deste convenio, poden constituír tamén unha oportunidade laboral para o alumnado do grao da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, foi o obxectivo da xornada que este martes promoveu a comisión académica do grao e protagonizou o profesor da Universidade de Sao Paulo Fernando Coelho.

A coordinadora do grao en Dirección e Xestión Pública, Soraya Rodríguez, e o coordinador das xornadas, Enrique Varela, foron os encargados de abrir unha actividade “que nos pon en contacto co Brasil e que é importante desde o punto da vista da internacionalización”, como salientou Varela. “Coñecer as vosas saídas profesionais do voso grao é algo extremadamente importante, aumenta a vosa probabilidade de éxito na busca dun emprego”, engadiu Rodríguez, quen incidiu na “interesante opción” que, “polas relacións entre España e Brasil e as proximidades no idioma”, pode supor este convenio. Máis de 40 alumnos e alumnas das dúas institucións participaron nestes anos nun intercambio académico no que as e os estudantes deben cursar cando menos 60 créditos na universidade de destino e realizar un traballo de fin de grao en perspectiva comparada entre Brasil e Europa para poder logo solicitar o recoñecemento dunha segunda titulación, ademais da que cursaban na súa universidade de orixe.

Preto de 900 profesionais nos tres sectores

Coelho, que nestes meses atópase realizando unha estadía posdoutoral na London School of Economics, abriu a súa intervención presentando a titulación en Xestión de Políticas Públicas co obxectivo “de intentar convencer ao alumnado da Universidade de Vigo para que realice este intercambio con nós”. A partires de aí, o profesor da Escola de Artes, Ciéncias e Humanidades de São Paulo puxo o foco “nas oportunidades que hai no Brasil para traballar en xestión de políticas públicas nos tres sectores”, tanto nas diferentes administracións como “no terceiro sector, sobre todo nas ONG, e nas empresas”.

Para iso, deu conta dun estudo realizado pola universidade brasileira que recollía os 20 principais segmentos nos que desenvolven o seu labor profesional os preto de 900 egresados e egresadas cos que conta esta titulación desde a súa posta en marcha en 2005. Un estudos, que sinalou, teñen unha taxa de inserción laboral "moi alta", en boa medida grazas ás “moitas oportunidades de traballo que existen” nas administracións municipais do Brasil. “Só na municipalidade de São Paulo, hai case 150 alumnos nosos traballando”, lembrou Coelho, que explicou que preto do 50% dos egresados e egresadas traballan para as administracións, mentres que a outra metade “están distribuídos entre o terceiro sector o privado”.

Estes dous sectores poden constituír, ao seu xuízo, as “principais oportundades” para aqueles e aquelas estudantes do campus que opten por participar na mobilidade que promove este convenio e traballar no Brasil. “Teñen a vantaxe de que falan castelán, polo que poden traballar tamén coas empresas españolas que hai alá ou coas doutros países do Mercosur”, salientou o conferenciante. No eido empresarial, explicou, os principais ámbitos de traballo dos titulados e tituladas atópanse nas áreas de responsabilidade social e ambiental das empresas, nas relacións gubernamentais, nas empresas que venden aos seus produtos ao goberno, nas consultorías para o sector público e nas empresas concesionarias. Ao mesmo tempo, entre os principais ámbitos de traballo dos titulados en Xestión de Políticas Públicas figuran tamén as organizacións non gubernamentais, as “entidades paraestatais”, os partidos políticos e sindicatos, os negocios sociais e as organizacións internacionais. “Neste mercado laboral, hai moitas persoas con cualificación, pero tamén moitas persoas sen vocación”, concluíu Coelho, que sinalou nese senso ao alumnado como esa vocación pode constituír a súa principal “vantaxe” no mundo profesional.