DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Como traballo para unha materia, realiza accións de apoio ao sector nas redes sociais

O alumnado de Publicidade e RRPP comparte cultura galega en tempos de confinamento

Na iniciativa participan preto dun cento de estudantes

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Saúde
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 29/04/2020

Nas últimas semanas, sucédense nas redes sociais diferentes iniciativas de apoio ás e aos profesionais do sector cultural, que viron a súa actividade paralizada co estado de alarma decretado para frear a expansión da COVID-19. Apoiar estas campañas e dar visibilidade á cultura galega son os dous obxectivos da iniciativa que, como exercicio práctico para unha das materias do grao, levan a cabo máis dun cento de alumnos e alumnas do grao en Publicidade e Relacións Públicas, facendo uso do cancelo #ComparteCulturaGalega. “Trátase de apoiar a campaña para que as administracións manteñan as actividades culturais e apoien ao sector para impedir o seu desmantelamento por culpa da COVID-19”, explica Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e responsable, xunto con José Manuel López, de impartir a materia Teoría e Práctica das Relacións Públicas, na que se enmarca a iniciativa.

Como explica Baamonde, a actividade insírese na docencia non presencial e ten como obxectivo “que o alumnado mellore as súas competencias na xestión da comunicación” a través das redes sociais, á vez que pode servir de apoio ás iniciativas postas en marcha polos profesionais dun sector “que vai ser dos máis afectados pola crise”. Con esa idea, o alumnado debía desenvolver, ao longo deste mes, accións nas principais redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram), empregando o cancelo #ComparteCulturaGalega.

Do mesmo xeito, tamén se busca con esta iniciativa “dar visibilidade á cultura galega, recomendando webs, medios en galego, grupos musicais, series...”, explica Baamonde, que subliña neste senso que “o pobo galego existe porque temos un idioma e unha cultura propia e a responsabilidade da súa conservación”. Nestas semanas, engade, a resposta do alumnado está a ser “moi positiva”, de tal xeito que “está dando a coñecer múltiples alternativas culturais” ao tempo que “estase demostrando que hai unha mocidade implicada no futuro da nosa lingua”.