DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 60 estudantes plasmaron os seus deseños en camisetas neste obradoiro

Alumnas de Belas Artes imparten un taller de pintura en soportes téxtiles no CEIP Barcelos

As prendas resultantes serán presentadas nunha exposición

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 19/12/2019

Preto de 60 alumnos de sexto de primaria do CEIP Barcelos plasmaron este xoves sobre camisetas os seus deseños pictóricos, no marco dun taller impartido polas estudantes da Facultade de Belas Artes Abana Barreiros e María Fernández. Como parte dun traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, que imparte o profesor e decano, Xosé Manuel Buxán, estas dúas alumnas decidiron impulsar, coa colaboración do centro, este taller de pintura téxtil, no que traballaron co alumnado “a aprendizaxe e experimentación coas mesturas de cor”, así como os procesos de pintura sobre materiais téxtiles. O obxectivo, explica Fernández Caramés, era “incentivar a creatividade” do alumnado para traballar “fóra dun soporte común como é o papel”. Deste xeito, partindo desas primeiras nocións achegadas ao inicio do taller, nenos e nenos empregaron pintura á auga, rotuladores ou selos de estampado para plasmar as súas creacións sobre unha serie de camisetas.

“Decidimos que cada alumno cre o seu propio deseño, sen poñer límites de creación, pois cremos que é a mellor maneira de fomentar a súa imaxinación”, salienta Fernández Caramés dunha actividade que buscaba que os nenos e nenas “experimenten”. Xurdida como un traballo para unha materia no que o alumnado debe organizar un evento artístico, estas dúas estudantes decidiron orientar esta iniciativa cara o ámbito educativo, sinalan, “para reivindicar unha maior importancia e implicación coas ensinanzas artísticas”. Trala celebración este xoves do taller, Barreiros e Fernández proxectan agora organizar unha “breve exposición” que reúna as camisetas coas que nesta xornada traballou este grupo de nenos e nenas.