DUVI

Diario da Universidade de Vigo

245 persoas participaron nos comicios aos que concorrían partidos creados polo alumnado

Anti Publi Publi Club imponse nas eleccións ficticias de CCSS e da Comunicación

Estudantes de Dirección e Xestión Pública predixeron o gañador nunha enquisa 

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI Pontevedra 12/04/2019

Poucas horas antes de que arrincase a campaña das eleccións xerais, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación pechaba a súa particular contenda electoral, na que catro partidos creados polo alumnado concorrían a unhas eleccións impulsadas no marco da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, do grao en Publicidade e Relacións Públicas, e nas que as formación disputábanse unha maior puntuación na parte práctica desta materia impartida polo profesor Xosé Rúas. Esta será finalmente para Anti Publi Publi Club que logrou 98 votos nunhas eleccións nas que participaron 245 persoas. Deste xeito, pechábase unha campaña na que as formacións promoveron diferentes actividades no centro ao longo das últimas dúas semanas, que contou tamén con mitins e un debate e mesmo con enquisas, realizadas por dous grupos de estudantes do grao en Dirección e Xestión Pública, que, nun dos casos, predixeron o nome e practicamente as porcentaxes de apoio das dúas formacións máis votadas.

“Cando fas tantas cousas e te esforzas tanto porque as cousas saian ben, que a xente o valore é xenial”, salientaba Ana Pintané, candidata de Anti Publi Publi Club, tras coñecer os resultados dunha votación abertas ao persoal e alumnado da facultade, coa excepción das e os integrantes dos partidos, que se desenvolveu ao longo deste xoves. “Traballamos moito todos, custounos un pouco coordinarnos ao principio, pero persoalmente estou orgullosa de todas as cousas que fixemos”, salientou Pintané da experiencia vivida ao longo dunha campaña na que este partido promoveu accións como unha sentada feminista. A segunda formación máis votada foi o Partido pola Unidade da Facultade (PUF), que concorría a estes comicios con Diego Requejo como candidato e que propuña unha “parodia dos fascismos” coa que sumou 66 votos. En terceiro lugar, con 45 votos, rematou Unidos Somos Pokémon (USP), formación que presentou a Rut Rodríguez como candidata e que tiña no ecoloxismo o seu eixo de campaña. Por último, La Casa del Cartel, que tiña no feminismo a súa “idea central” e en Viviana López a súa candidata obtivo 35 papeletas nunhas eleccións que contaron tamén cun voto nulo. 

“Foi unha campaña moi intensa, na que os partidos decidiron por primeira vez xogarse tres puntos da súa nota e conseguiron mobilizar a moita xente”, salientou Rúas dun “xogo de rol” no que os grupos de estudantes debían poñer en práctica a estratexia de campaña previamente definida no marco desta materia.

Predición dos resultados

Un ano máis, a esta contenda electoral sumouse tamén a participación do alumnado do grao en Dirección e Xestión Pública, que no marco da materia Metodoloxías e técnicas de investigación social aplicadas ás administracións públicas, que imparte o profesor Juan Vidal, realizou un estudo da intención de voto na facultade. Concretamente, participaron nesta actividade un grupo de seis estudantes da modalidade presencial do grao, que presentaron un informe que daba gañador a Anti Publi Publi Club, cunha porcentaxe de voto do 39,5% (obtivo un 40,9%) e situaba en segundo lugar ao PUF co 26% dos votos, colocando en terceiro lugar a La Casa de Cartel, que foi o cuarto partido máis votado, e en último lugar o USP. 

Por primeira vez, esta actividade contou tamén coa participación dun grupo de cinco estudantes internacionais, que no presente curso se forman neste grao ao abeiro de diferentes programas de mobilidade e que realizaron unha segunda enquisa que, neste caso, daba a vitoria ao PUF por diante de Anti Publi Publi Club, situando en terceiro lugar ao USP e último á La Casa de Cartel.