DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actuación terá lugar o sábado 21 de decembre na Igrexa de San Francisco

Arredor de 60 cantoras e cantores participarán no VI Encontro Coral do Nadal

Está organizado polo Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 12/12/2019

Convertido xa nunha cita tradicional destas datas na cidade de Ourense, o sábado 21 de decembro terá lugar unha nova edición do Encontro Coral do Nadal que cada ano celebra o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum. Arredor de 60 cantoras e cantores desta agrupación e da súa homóloga Kantantibus ofrecerán ás 19.30 horas un concerto de música sacra e panxoliñas na Igrexa de San Francisco, situada ao carón do parque de San Lázaro.

Segundo explica Xavier Álvarez, director do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum, o encontro organizado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense cumpre a súa sexta edición xa consolidado como un referente na súa programación anual. Mantendo a estrutura de anteriores edicións, o concerto, de entrada de balde, contará coa actuación e participación de dúas agrupacións corais, a do campus de Ourense e unha convidada. “Nesta ocasión convidamos a participar a Kantantibus, un coro de cámara de Ourense creado o ano pasado a partir de xente procedente doutros coros, entre eles o noso. Está formado por arredor de 12 persoas, xente experimentada, e o seu repertorio ten un estilo contemporáneo”, indica o director da agrupación do campus.

Música sacra e panxoliñas

No encontro primeiro actuará Kantantibus e logo o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum, para rematar cunha actuación conxunta. O repertorio en ambos casos mesturará música sacra e panxoliñas, tendo en conta tanto o lugar de celebración do concerto como a época de Nadal na que se fai. “As panxoliñas son un xénero musical moi interesante xa que unen tanto música sacra como música popular”, apunta Xavier Álvarez. Co acompañamento ao piano de Sara Lía, Kantantibus interpretará as pezas Carol of the bells; Lully, lulla, lullay; Ubi caritas; Ave verum corpus; White christmas; Oh holy night e The seal lullaby.

Seguiralle a actuación do coro do campus, formado por arredor de 50 persoas, cun repertorio do que o seu responsable sinala que no caso da música sacra abrangue desde canto gregoriano a gospel sudafricano e no caso das panxoliñas inclúe pezas das diferentes linguas do estado, concretamente castelán, galego, catalán e vasco. “Fixemos un programa plurilingüe para dar a coñecer a riqueza da pluralidade de músicas e linguas”, comenta Xabier Álvarez. Co acompañamento musical de Cristina Pumar, Ruth González, Aarón Abalo, Alejandro Sanz e Miguel Sáez, o Schola Cantorum interpretará Veni creator spiritus; Anima christi; Kyrie; Bawo thixo somandla; Da Rosa Rosiña; Gabon izarra; El noi de la mare e La peregrinación. A peza conxunta de peche do concerto será Panis angelicus, de música sacra.

Sobre a relevancia desta iniciativa, o director do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum sinala como “forma xa parte do noso estilo organizar encontros con outros coros, é unha das misións que temos, xuntar diferentes agrupacións”. Así, apunta Xavier Álvarez, entre os beneficios desta iniciativa está que cantoras e cantores enriquécense co contacto cos seus homólogos, coñecendo outros repertorios, outras dinámicas de traballo e outras formacións. Tamén, engade o director, estes encontros “enriquecen ao público, que pode ver e contrastar diferentes formas de facer música coral” e “levan o campus á cidade”. Esta dinámica, indica Álvarez, “forma parte da nosa filosofía como coro universitario e está en liña coa filosofía do campus de ser un campus aberto á cidade”.