DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita arrancou este luns no pavillón de deportes do campus

Arredor de 70 xogadores compiten esta semana no VI Torneo Internacional de Xadrez

Entre as e os participantes hai 14 mestres

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Premios
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 02/07/2019

Arredor de 70 xogadores e xogadoras de oito nacionalidades, entre eles 14 mestres, compiten esta semana no VI Torneo Internacional de Xadrez que se celebra no pavillón de deportes do campus de Ourense. A cita, que arrancou este luns e se prolongará ata o domingo, está organizada polo Club Xadrez Ourensán Universitario e a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo.

A competición conta coa colaboración do Concello, a Deputación e a Delegación de Deportes da Xunta en Ourense e ao seu remate entregaranse 6000 euros en premios. As e os inscritos proceden de países como Rusia, Cuba, Uzbekistán, Francia, Romanía e Letonia, ademais de haber unha destacada participación de España e Portugal. Entre as e os participantes están 14 mestres, cinco deles grandes mestres. Así, compiten no pavillón de deportes do campus de Ourense nomes como Marius Manolache, Vladimir Petkov, Vladimir Lazarev, Ilmars Starostits, Anda Safranska, Arian González, Luis Marcos Medarde, Rafael Rodríguez, Diego Guerra, Marcial García, Fernando Sánchez e Jose Oliveira Gaspar Dias. Xunto a nomes destacados do xadrez, o torneo ten como principal atractivo ofrecer a xogadoras e xogadores ourensáns a oportunidade de competir en persoa con estes xadrecistas de prestixio.

O torneo, dirixido por Lino Hermida, presidente do Club Xadrez Ourensán Universitario, é válido para Normas Internacionais de Xadrez, Elo Fide e Elo Feda. Dispútase polo sistema suízo de nove rondas e as sesións teñen lugar todos os días a partir das 17.00 h, agás a segunda, a quinta e a novena ronda, que comezan ás 10.00 h. A cadencia de xogo é de 90 minutos por xogador, aos que se lle engaden 30 segundos por cada xogada realizada.