DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun programa de conferencias e visitas que se desenvolverá ata maio

A Asociación de Estudantes da Aula de Formación Aberta do Campus retoma a súa actividade

O seu obxectivo é fomentar a aprendizaxe e a convivencia entre o alumnado sénior

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 30/01/2020

Despois de dous anos de inactividade, a Asociación de Estudantes da Aula de Formación Aberta do Campus de Ourense retoma a súa actividade e faino cun amplo programa de conferencias e visitas que se desenvolverá ao longo de todo o cuadrimestre e ata o mes de maio. O seu obxectivo é fomentar a convivencia e a aprendizaxe entre o alumnado do Programa Universitario de Maiores.

Segundo explica Miguel Ángel Martínez, vogal da asociación, a idea de reactivar a asociación xurdiu no mes de novembro a proposta de Alberto Vaquero, coordinador do Programa Universitario de Maiores no campus de Ourense. Despois de organizar con bo resultado unha primeira actividade ao remate do primeiro cuadrimestre, indica, a xunta directiva da Asociación de Estudantes da Aula de Formación Aberta do Campus de Ourense deseñou un programa de accións para todo o segundo cuadrimestre.

Alternando conferencias con excursións

“Con este programa queremos chegar ao maior número posible de persoas”, comenta Miguel Ángel Martínez. Por unha banda, indica, o obxectivo é contribuír á formación “con rigor” do alumnado sénior do campus ofrecéndolle unha serie de actividades complementarias á programación do Programa Universitario de Maiores. Ademais, engade, “queremos fomentar a convivencia e a interrelación entre o alumnado”, creando espazos de encontro fóra das aulas. Outro reto desta iniciativa, sinalan desde a súa organización, é dar a coñecer o Programa Universitario de Maiores e captar para el novos estudantes. “Queremos animar ás persoas interesadas a achegarse a algunha das conferencia e que vexa o que lle pode ofrecer este programa fabuloso da Universidade”, comenta o vogal da asociación.

O programa deseñado alterna conferencias de temática “diversa e de interese” con excursións relacionadas. Unha conferencia sobre a manipulación na comunicación a cargo de Luis Morales Ballet inaugurou recentemente a programación, que continuará o día 31 de xaneiro cunha visita ás instalacións en Santiago de Compostela da CRTVG. Ao longo do cuadrimestre haberá conferencias sobre o valor da auga termal, os pazos de Galicia, o Camiño de Santiago ou A Bela Otero. A estas conferencias seguiranlle visitas á Casa do Patrón en Lalín, a Celanova, ás termas a Chaves e Verín e a Valga, realizando ademais un tramo do Camiño Francés. A programación rematará en maio coa celebración dun festival de fin de curso.