DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estará situada detrás do edificio Xurídico-Empresarial

Auce arranca o seu proxecto para crear unha horta “comunitaria, urbana e educativa”

A asociación convida ás persoas interesadas a participar nesta iniciativa

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI Ourense 06/11/2019

Crear unha horta “comunitaria, urbana e educativa” que sexa “unha ferramenta para facer proxectos”. Este é o novo proxecto que está a pór en marcha a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (Auce). Desde a entidade convidan ás persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria, a participar nesta iniciativa. “Pode participar calquera persoa que poida ofrecer o seu tempo ao proxecto”, sinalan.

“Coa posta en marcha desta horta universitaria dende Auce búscase crear unha comunidade social interxeracional, na que as experiencias e coñecementos se transmitan de forma horizontal entre as persoas”, indican desde a asociación. Tamén, engaden, procúrase construír un espazo que sirva de base para novos proxectos de interese da comunidade universitaria, tanto educativos ou sociais como relacionados con alimentación e ciencia. “Aínda que por suposto cultivaremos, recolleremos e comeremos alimentos o máis interesante é que a partir da horta queremos facer proxectos, obradoiros e cousas relacionadas tanto coa educación como coa tecnoloxía dos alimentos ou outros eidos”, explican as e os organizadores.

A Universidade de Vigo, indican desde Auce, colabora no proxecto mediante a cesión do espazo para cultivar, que está situado detrás do edificio Xurídico-Empresarial, onde xa se teñen desenvolvido iniciativas de horta por parte de diferentes colectivos da comunidade universitaria. “A idea é preparar a horta este inverno e en primavera xa sementar. Agora mesmo temos que limpar o sitio e preparar o espazo”, comentan desde a asociación. Para arrancar estas tarefas creouse xa un grupo de traballo coa primeira xente que amosou, nunha reunión informativa celebrada esta semana, o seu interese en participar nesta iniciativa. Achegando cada participante os seus coñecementos sobre horta, desde Auce salientan o seu interese en aprender “dos veciños e veciñas da zona, onde hai moitas hortas” e en realizar actividades que lles permitan aprender a cultivala axeitadamente.