DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A alumna de BBAA Rebeca Lar presenta as súas creacións no espazo Apo´strophe de Vigo

O augurio que nace dunha indagación artística sobre a figura da bruxa

A súa montaxe pode visitarse ata o 30 de setembro

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 25/09/2019

“Moitos dos meus traballos teñen que ver coa forma en que se trata ás mulleres nos ámbitos sociais e culturais e a figura da bruxa, con todos os seus significados, é perfecta para construír reflexións artísticas sobre estas cuestións”, sinala a alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes, Rebeca Lar, que nestes días traslada os resultados da súa indagación artística sobre esta figura ao espazo anexo da sala Apo´strophe de Vigo. Augurio é o título dunha montaxe que combina a creación audiovisual, a instalación, a pintura e a escultura e que ten como punto de partida unha interpretación do conto orixinal de Brancaneves, na que a madrasta da protagonista é castigada a bailar cuns zapatos de ferro sobre unhas brasas.

Deste xeito, o calzado é o protagonista desta montaxe, que ata o 30 de setembro pode verse neste espazo situado no Centro Comercial Praza Elíptica, tanto da peza audiovisual como na propia instalación, nas que a artista emprega os zapatos como representación da bruxa e a cor vermella en alusión ao lume e o ferro candente. “O título xurdiu unha vez feita instalación, cando vin os zapatos sobre a tea dispostos a camiñar cara o espectador, a imaxe que chegou á miña cabeza foi a rebelión desas bruxas reais, acusadas inxustamente”, engade Rebeca Lar dunha proposta que, nese senso, presenta ese camiñar dos zapatos como “o augurio dunha revolución feminista necesaria”. Do mesmo xeito, a exposición complétase cunha serie de traballos pictóricos e escultóricos que parten do mesmo “núcleo conceptual” que centra a instalación.

Reflexión teórica e artística

Ademais de centrar nos últimos anos as súas creacións artísticas, a figura da bruxa foi xa o eixo dos traballos de fin de grao e de fin de mestrado que Rebeca Lar realizou como alumna de Belas Artes, recoñecido este último co Premio Ernestina Otero do Concello de Pontevedra. Do mesmo xeito, a artista centra a investigación que desenvolve actualmente para a súa tese de doutoramento na representación da bruxa na creación audiovisual, poñendo o foco nos primeiros anos do século XXI e nos ámbitos do cine, videoarte e televisión. “Entendo que o meu traballo investigador xorde como resposta á realización continuada de pezas con estas temáticas”, apunta a artista, que incide nese senso no seu interese pola idea da bruxa “como parte dun colectivo, dun círculo de mulleres apoderadas”, punto de vista que, recoñece, “ten moito que ver con esta exposición”.