DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grao celebrou unha xornada sobre saídas laborais, na que participou o delegado da AEAT en Ponteved

A Axencia Tributaria, unha opción profesional para o alumnado de Dirección e Xestión Pública

A titulación prevé promover novos coloquios sobre diferentes opcións laborais

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 14/03/2019

Achegar ao alumnado do grao en Dirección e Xestión Pública “ás oportunidades dun mercado laboral vinculado á vosa formación” constituía, como sinala Soraya Rodríguez, coordinadora desta titulación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o obxectivo central da xornada que este xoves levou a este centro ao delegado da Agencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) en Pontevedra, Daniel Gómez Aragón. Informar ao alumnado as oposicións “que se axustan dunha maneira ideal” ao seu perfil como futuros titulados e tituladas nun grao que “aseméllase moito en moitas das súas materias, as cuestións que hai que preparar en diferentes oposicións” da axencia foi un dos propósitos centrais dun coloquio ao que o grao, apuntou Rodríguez, prevé dar continuidade con novas iniciativas que traian ao campus a profesionais de diferentes sectores co obxectivo de que as e os estudantes “vexan que son moitas as posibilidades laborais desta titulación”.

A inauguración da xornada contou coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen subliñou a importancia de “iniciativas que veñen a cimentar que este é un grao fundamental, estratéxico para nós”, así como unha titulación “que ten un nicho no panorama profesional en Galicia”. O decano de CCSS e da Comunicación, Xosé Baamonde, incidiu nese mesmo senso no “atractivo” dunha titulación, “que forma xestores polivalentes que son capaces de resolver múltiples problemas”, á vez que puxo o acento na importancia de informar ao alumnado dos múltiples eidos nos que poderán desenvolver a súa traxectoria profesional. “Coñecer as saídas profesionais da vosa titulación é extremadamente importante, porque é unha maneira de que aumenten as vosas probabilidades de éxito na busca de emprego”, trasladoulles Rodríguez, que incidiu tamén que, na súa etapa formativa, este coñecemento “pode axudarvos a tomar determinadas decisións”, desde a elección de optativas ou prácticas, á temática a abordar no traballo de fin de grao ou a participación en programas de mobilidade.

Perfís próximos á súa formación

O inspector de facenda e delegado da AEAT en Pontevedra iniciou a súa intervención informando ao alumnado ás funcións da axencia, “para que non a vexan como un ámbito estritamente tributario, senón como unha empresa con máis de 25.000 empregados nas que se abordan cuestións de contratos, de recursos humanos, de xestión, e que é tamén un moi bo sitio para desenvolver a carreira profesional”. Nese senso e tras achegarlles unha serie de motivos para que teñan en consideración  “traballar no público en xeral e na Axencia Tributaria en concreto”, Gómez Aragón definiu a AEAT como un “sitio dinámico, moderno e punteiro no ámbito da administración española”. 

A partires de aí, centrouse en trasladar ao alumnado “unhas pinceladas de como son as oposicións aos corpos que consideramos máis adecuados para eles”, tendo en conta nese senso, explicou, que na titulación abordan aspectos como dereito administrativo, contabilidade pública ou dereito financeiro e tributario, que lles van a ser de utilidade tanto á hora de preparar unha oposición “como logo no traballo do día a día”. Nese senso, Gómez Aragón apuntou a corpos como o de inspección de facenda ou técnicos de facenda como perfís que poden adaptarse a súa formación como graduados e graduadas.