DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está formado por catro estudantes de cuarto curso de Dereito

Los Becarios gañan a VII Liga de Debate da Universidade de Vigo

Por sorteo tiveron que defender a postura contraria a legalizar a xestación por substitución

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Ourense 20/12/2019

Desde mediados do mes de novembro oito equipos formados por alumnado da Facultade de Dereito do campus de Ourense competiron (e formáronse) na VII Liga de Debate da Universidade de Vigo. Este xoves pola tarde, o centro acolleu a súa final e nela proclamouse gañador o equipo Los Becarios, que por sorteo tivo que defender a postura contraria a legalizar a xestación por substitución en España.

O equipo gañador está formado polos estudantes de cuarto curso do Grao en Dereito Noelia Crespo, Sandra Hermida, Elisabeth Iglesias e Gabriel López e na final enfrontáronse ao equipo Pandora, composto por un alumno e unha alumna de segundo curso do mesmo título. Seguindo a dinámica de edicións anteriores, antes do debate sorteouse a postura a favor ou en contra sobre a cuestión elixida para o debate, nesta ocasión se debería legalizarse a xestación por substitución en España. Con intervencións cronometradas, os membros de cada equipo argumentaron a súa postura e contraargumentaron a do equipo rival e un xurado elixiu como gañador a Los Becarios. Tamén se concedeu un galardón individual á mellor oratoria a Lucas Alonso Domínguez, estudante de cuarto curso do grao de Dereito, elixido entre as e os finalistas por Manuel Atienza, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidad de Alicante e considerado un dos maiores especialistas en argumentación xurídica de España.

“A final estivo moi ben. O propio xurado resaltou a mellora na calidade argumentativa que notaban dunha edición a outra da liga”, explica o organizador da competición, o catedrático da Universidade de Vigo Pablo Raúl Bonorino. Un dos factores que permiten entender esta mellora, apunta, é que nesta edición alongáronse as fases eliminatorias de maneira tal que os equipos que chegaron ás fases finais tiveron participado en tres ou catro debates. “Nótase que a xente se vai afianzando de debate en debate e isto redundou nunha mellora xeralizada dos equipos na fase final”, sinala o profesor da Facultade de Dereito.

Debater con argumentos e respecto

O debate, destaca Pablo Raúl Bonorino, foi “un espazo de intercambio respectuoso de argumentos, de diálogo, e non de saídas de ton”. O tema que se abordou nel, indicou, “é unha destas cuestións que está xerando moita polémica” e na final celebrada este xoves na Facultade de Dereito amosouse como “se pode debater sobre el con tranquilidade, buscando razóns incluso cando un ten que mostrar fallas á posición do outro. Iso non o transforma nun inimigo”. Así, subliña o catedrático, “nun momento social no que os espazos do disenso se transforman rapidamente en inimizade, a Universidade segue apostando por construír espazos nos que o disenso é a base para a construción colectiva de solucións consensuadas”. “Aos nosos estudantes incentivámolos á construción dun espazo de disenso racional, argumentado, respectuoso. Todas as cuestións, incluso as máis agudas e graves, poden ser discutidas desde esta perspectiva”, afirma Pablo Raúl Bonorino.