DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Cidade da Cultura reúne desde este venres preto dun milleiro de estudantes de 17 centros

Belas Artes proxéctase no festival ‘Audacia’ a través do seu alumnado

A facultade preséntase neste evento a través dunha obra da titulada Sara Pena

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 18/10/2019

Preto dun milleiro de estudantes e docentes de 17 centros de ensinanzas artísticas participan no primeiro festival de artes e emprendemento de Galicia, Audacia, que hoxe venres e mañá sábado se desenvolve na Cidade da Cultura. Organizado pola Consellería de Cultura e Turismo, entre os centros educativos participantes neste foro centrado nas profesións do eido creativo atópase á Facultade de Belas Artes, que se presenta en Audacia a través de Composición de presentes, a obra que constitúe o traballo de fin de grao da egresada Sara Pena. “Estas feiras culturais son tamén o lugar natural dunha Facultade de Belas Artes”, salienta o decano, Xosé Manuel Buxán, que este venres asistía ao arranque deste evento xunto co vicedecano Javier Tudela e un grupo de alumnos e alumnas da facultade.

Presentado como un espazo de intercambio, aprendizaxe e descuberta de casos de éxito, que busca así mesmo pór en valor as artes como actividade económica, no programa deste evento figuran charlas e actividades formativas, unha zona expositiva ou un showroom de empresas e emprendedores que, como lembrou Buxán, permitiu aos estudantes asistentes “coñecer o traballo de empresas culturais formadas por egresados e ver diferentes posibilidades e ámbitos de traballo”.

A tecnoloxía como ferramenta para crear

En lugar de por un stand con información do centro, Belas Artes optou por presentarse en Audacia a través do traballo de fin de grao que, o pasado curso, Sara Pena realizou co profesor Juan Carlos Román como titor. Este docente, responsable da montaxe do espazo que Belas Artes ocupa nesta feira, sinala que ao tratarse Audacia dunha feira cun “perfil tecnolóxico e coa mirada posta na contorna audiovisual e nas artes dixitais”, optouse porque a creación seleccionada para representar á facultade fose unha obra “que tivese que ver coas novas tecnoloxías”. Nese senso, o proxecto de Pena, unha instalación de grande dimensións, tivo como punto de partida o uso da cortadora láser da facultade. Pena empregou este equipamento co propósito de plasmar “o efecto simbólico que proporciona o erro de non cortar, pero si queimar” unha superficie téxtil mediante o láser, dando lugar, un “efecto neobarroco” polo que a luz “enfoca o que se desexa ver, a contemporaneidade e espectacularidade da tecnoloxía visual e do entretemento”, á vez que oculta coa súa sombra “a ausencia dun imaxinario común”, salienta Román desta peza de grandes dimensións, que se presenta acompañada por unha vitrina na que se exhibe parte da memoria do traballo.