Con moitos cambios pero tamén con moita ilusión e xa coa experiencia dun ano na elite nacional do rugby, a División de Honra. O Blusens Universidade de Vigo presentouse este martes en sociedade no campus vigués cos petos cheos de enerxía e de gañas de asegurarse a permanencia nesta temporada, consolidándose como un dos mellores equipos do estado. Este sería o mellor dos agasallos na celebración do 25 aniversario do club, convertido xa nun estandarte da Universidade e de Vigo. Como subliñou o reitor, Salustiano Mato este deporte “marida, como poucos, os seus valores cos da Universidade: fortaleza, xogo limpo, esforzo e sobre todo sentimento”. Neste proxecto compartido o equipo e a Universidade levan un cuarto de século da man, unha unión que tanto o presidente do club, Ramón González-Babé, como o reitor esperan que siga dando froitos.
18/09/2012