Convertido nun dos problemas máis graves da sociedade actual, a violencia de xénero experimentou un importante desenvolvemento nas últimas décadas, quizais porque ata non hai tantos anos se consideraba un asunto de parella no que ninguén debía entremeterse. Trátase, ademais, dun problema que non entende de nacionalidades, nin de idiomas e, “a pesares dos esforzos realizados pola Administración, a información e o apoio que se poñen ao servizo das vítimas de violencia de xénero seguen sendo escasos e dificilmente chegan ás estranxeiras”, subliña a profesora Maribel del Pozo, coordinadora do proxecto europeo Speak Out for Support SOC-VICS, unha iniciativa piloto centrada na formación de intérpretes especialistas no traballo con vítimas estranxeiras de violencia de xénero que se presenta este xoves en Filoloxía e Tradución.
12/12/2012