DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias acolleu unha xornada sobre a carreira investigadora

Buscando respostas a que facer trala defensa da tese de doutoramento

Varios científicos e científicas explicaron as súas traxectorias

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
Rosa Tedin DUVI Ourense 08/11/2019

Na Facultade de Ciencias do campus de Ourense celebrouse este venres a xornada Vías profesionais trala tese de doutoramento, nada segundo as organizadoras da conciencia “das dificultades que presenta no panorama laboral actual o desenvolvemento da carreira investigadora dun xeito estable pero conscientes tamén da necesidade de mostrar a relevancia da mesma para a xeración do coñecemento decisivo no progreso da sociedade”.

Organizada polas profesoras e investigadoras do centro Clara Fuciños e María Luisa Rúa e patrocinada polo Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga (Citaca), a cita pretendeu “abordar desde o punto de vista científico as saídas profesionais da carreira investigadora, en especial no ámbito das ciencias da vida e tecnoloxías agroalimentarias, a partir do relato de varios casos de éxito”. Para acadalo, a xornada contou co testemuño profesional e persoal de investigadoras e investigadores de posdoutoramento, a maior parte formados na Universidade de Vigo, que desenvolven a súa carreira laboral en ámbitos diversos, ofrecendo deste xeito unha “visión plural” co obxectivo de servir de “exemplo e de estímulo para todas aquelas persoas que están xa dedicadas ou teñen pensando dedicarse á carreira investigadora”.

Inspiración e motivación

Ana Torrado, directora do Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga, presentou a xornada subliñando “o orgullo” que supón para a universidade que a maior parte das e dos participantes se formaron nas súas aulas. Coa súa participación, díxolle ao público asistente, queremos “motivarvos e inspirarvos, que saibades que hai moitas máis posibilidades das que a priori pensades tras rematar a tese de doutoramento”. A cita, indicou Ana Torrado, tamén quixo pór en valor tanto “ás científicas e científicos máis novos, que veñen con moitas gañas” e “a ciencia como motor indispensable para o cambio social”.

Segundo explicou Clara Fuciños, a idea de facer esta xornada xurdiu co desexo de facer unha actividade “que lle puidese interesar tanto ao alumnado como á comunidade científica que está facendo agora a tese”. Trátase, apuntou, de espertar o interese pola carreira científica no caso dos estudantes e de que vexan “que hai máis alá da tese de doutoramento” no caso dos investigadores e investigadoras que están realizando a tese. “Ás veces estás facendo a túa tese e pensas que non hai máis camiño que a universidade, porque a xente que está ao teu redor está na universidade, pero hai moitas outras opcións, como queda patente nos participantes na xornada, que van desde xente que traballa en centros tecnolóxicos ata xente que emprendeu”, sinala a investigadora.

Diversidade de perfís

Paula Fajardo, da Unidade de Saúde-Nutrición e Farmaindustria da Área de I+D+i de Anfaco-Cecopesca en Vigo foi a encargada de falar do traballo dun doutor ou doutora nun centro tecnolóxico e o seu papel de transferencia e apoio á I+D+i empresarial. Pola súa banda, Juan Pablo Fuciños, do Food Processing Group do International Iberian Nanotechnology Laboratory, de Braga, falou da carreira científica en España. “Eu centreime en intentar ensinarlle aos doutores máis novos ou aos que están rematando a tese as distintas ferramentas e instrumentos que teñen no ámbito europeo para financiar o seu posdoutoramento e como iso lles pode abrir distintas vías profesionais logo do fin de tese”, comentou o investigador. No seu caso, indicou, “iso axudoume para rematar traballando nun centro internacional de investigación enfocado nun tema moi concreto como é a nanotecnoloxía pero no que esa nanotecnoloxía se aplica a un número moi grande de áreas que tentan resolver moitos problemas da sociedade”.  Para falar de emprendemento como oportunidade despois dunha tese achegouse á Facultade de Ciencias Enma Conde, que presentou o seu proxecto Global and Ecofriendly Natural Extracts GLECEX, ubicado no Polígono de San Cibrao das Viñas, en Ourense. Tamén formado na Universidade de Vigo e investigador da Área de Edafoloxía e Química Agrícola desta institución, participou na actividade David Fernández Calviño, actualmente investigador Ramón y Cajal.

A xornada tamén contou coa participación de María Lamprecht, do Centro de Astrobioloxía (INTA-CSIC), de Madrid, que ademais de contar a súa traxectoria investigadora trouxo á Facultade de Ciencias unha exposición de ilustracións feitas por ela para o libro La vida: un viaje hacia la complejidad en el universo, escrito pola investigadora Esther Lázaro, investigadora do seu mesmo centro. “O libro trata sobre todo o sistema evolutivo que está operando na terra e se pode existir vida noutros planetas e o que me interesada reflectir nas ilustracións é sobre todo a relación entre a arte e a ciencia, que as imaxes fosen un pouco abstractas pero que tamén representasen procesos moleculares complexos”, comentou a ilustradora e científica. Así, as persoas que se acheguen á entrepranta do edificio Politécnico poden ver as ilustracións feitas por esta científica para o libro e que abranguen desde un virus ata a terra primitiva.