DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa conta coa participación das tres universidades galegas

A Business Factory Food presenta no campus as súas ventás de oportunidades

Está aberta a primeira convocatoria para a presentación de proxectos

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Emprender
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 10/04/2019

O campus acolleu este mércores a presentación en Ourense da Business Factory Food, a primeira aceleradora do sector alimentario de Galicia que, impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), conta coa participación das tres universidades galegas aportando espazos, equipamento e formación. O público asistente puido coñecer en detalle tanto os retos e características desta iniciativa, cuxo obxectivo é atraer e impulsar proxectos innovadores de emprendemento no sector, como a súa primeira convocatoria, xa aberta.

Durante a presentación, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, salientou en nome de  Ana Mª Torrado, coordinadora do Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga (Citaca), como “consideramos que este programa de aceleración de novos proxectos de innovación constitúe un forte estímulo e unha oportunidade para que os nosos estudantes e investigadores poidan desenvolver e pór en práctica as súas propias ideas nun marco de estreita colaboración co ecosistema produtivo”. Así, a vicerreitora destacou o especial interese de Citaca nesta iniciativa xa que, indicou, “intégrase perfectamente nun dos seus obxectivos estratéxicos de colaboración co sector agroalimentario galego”. Tamén lembrou a vinculación do campus con este sector pola área de traballo de varias das súas  titulacións e de diversos grupos de investigación.

Proxectos vinculados a retos

Javier Álvarez, xerente da Business Factory Food, foi o encargado de explicar ao público presente esta “aceleradora vertical do sector agroalimentario”. Así, apuntou como esta iniciativa xurdiu no marco das Business Factory que a Xunta de Galicia puxo en marcha en diferentes sectores, como o da automoción e o aeroespacial. Durante tres anos, a Business Factory Food, explicou o seu xerente, lanzará convocatorias para que emprendedores e emprendedoras, departamentos de I+D de empresas, startups ou empresas con menos de 42 meses de antigüidade presenten proxectos innovadores para diferentes retos marcados polo propio sector. No caso desta aceleradora, sinalou Álvarez, “participan grandes empresas do sector agroalimentario con presenza internacional” e elas son as encargadas de “definir unha serie de retos transversais sobre necesidades concretas que teñen detectado dentro do paraugas conceptual do que é a industria 4.0”. As universidades tamén están implicadas nesta iniciativa xa que, como parte de Clusaga, “forman parte do comité técnico da aceleradora e teñen un papel moi importante dentro das actividades de formación que se van a impartir para os proxectos seleccionados”, tal e como indicou Javier Álvarez.