DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está ubicada na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro

O campus de Ourense conta xa con sala de lactación

Con ela son cinco os espazos habilitados na Universidade para este uso

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 21/11/2019

O campus de Ourense conta desde este xoves cunha sala de lactación destinada a favorecer que as súas traballadoras e alumnas poidan continuar coa lactación materna cando se incorporen ao seu posto tralo nacemento das súas fillas e fillos. A súa apertura prodúcese trala inauguración a pasada semana doutros catro espazos similares nos campus de Vigo e Pontevedra. Con esta iniciativa a Universidade de Vigo convértese na primeira de Galicia e na cuarta de España, tras Murcia, Valencia e Sevilla, en contar con este servizo.

Na apertura do espazo estiveron Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e as vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e do Campus de Ourense, Esther de Blas. Na visita, Manuel Reigosa salientou como “se aspiramos a unha igualdade real temos que facer posible que as persoas poidan conciliar a súa vida familiar e persoal coa vida profesional é esta é unha pequena medida, unha facilidade máis, para avanzar nesa liña”. Neste caso, engadiu, a iniciativa está pensada para facilitar a conciliación das mulleres da comunidade universitaria, lembrando como no eido da conciliación "as mulleres son as grandes prexudicadas".

Coa posta a disposición das mulleres da comunidade universitaria destas salas de lactación, a Universidade de Vigo atende tanto á Organización Mundial da Saúde (OMS) como á Lei de Prevención de Riscos Laborais, que recomendan que as e os lactantes reciban lactación exclusivamente materna durante os primeiros seis meses de vida e que haxa este tipo de espazos en empresas nas que traballan máis de 1000 persoas. O espazo no campus de Ourense está ubicado na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro e conta cos elementos fundamentais tanto para dar peito “in situ” como para extraer leite, é dicir coxíns e cadeira para lactación; cambiador; cortinas; neveira, etc.