DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia do premio Príncipe de Asturias Pedro Miguel Echenique

A Cátedra Álvarez-Ossorio resalta o crucial papel da ciencia no século XXI

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 28/02/2020

A sublime utilidade da ciencia inútil era o título da conferencia que, na tarde deste xoves, o catedrático de Física da Materia Condensada da Universidade do País Vasco Pedro Miguel Echenique, impartiu no marco das actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que promoven a Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar. O conferenciante, que en 1998 foi recoñecido co Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica, buscou coa súa intervención pór en valor o papel da ciencia, incidindo nese senso en que “a cultura do século XXI será unha cultura científico-tecnolóxica” e na importancia de que os países sexan conscientes disto e actúen en consecuencia.

Nunha conferencia presentada polo vicerreitor do campus e director da Cátedra Álvarez-Ossorio, Jorge Soto, e o comandante director da Escola Naval Militar, Ignacio Cuartero, Echenique defendeu a ciencia como “o mellor e máis efectivo instrumento de coñecemento”, mesmo, como sinalaba o título da súa conferencia, “cando todo parece indicar que o descubrimento e inútil”. Nese senso, defendeu a ciencia como “economicamente decisiva e culturalmente crucial” e puxo de relevo a importancia que, na sociedade actual, terá tanto protexer e desenvolver a investigación básica como facer que esa investigación se traslade dun xeito sinxelo a aplicacións tecnolóxicas. Neste punto, Echenique destacou que en lugar de fixar obxectivos á ciencia, será preciso crear unha atmosfera na que poida aflorar a creatividade. Non en van, engadiu, “os grandes avances da humanidade” xurdiron de preguntas fundamentais da ciencia básica.

Licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Navarra e doutor polas universidades de Cambridge e Autónoma de Barcelona, a traxectoria de Echenique Landiribar foi recoñecida con numerosas distincións, como o Premio Príncipe de Asturias, ou co seu nomeamento como doutor honoris causa polas universidades de Valladolid, Pública de Navarra e Complutense de Madrid.