DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Asínase un convenio entre a Universidade e os concellos de Oímbra e Monterrei con este obxectivo

Catro anos por diante para estudar e valorizar o Castelo de Lobarzán

A arqueóloga Beatriz Comendador é a responsable do proxecto

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 05/04/2019

“A realización de diversas actividades de recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica da área arqueolóxica do Castelo de Lobarzán ou Castro das Laxes das Chás e a súa contorna durante os próximos catro anos”. Con este obxectivo, representantes da Universidade de Vigo e dos concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei, onde se localiza este enclave, asinaron este venres no campus de Ourense un convenio específico de colaboración entre as tres entidades.

Durante a presentación do acordo, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, amosou a súa satisfacción por iniciativas coma esta “que serven para estreitar lazos cos concellos”, destacando o traballo da Facultade de Historia do campus de Ourense neste senso. Do mesmo xeito, Susana Reboreda, decana desta facultade, agradeceu a confianza depositada no centro e no seu profesorado polos dous concellos implicados e salientou a importancia que ten para esta facultade “a interacción coa nosa contorna”. Pola súa banda, José Luis Suárez, alcalde do Concello de Monterrei, e Ana María Villarino, alcaldesa do Concello de Oímbra, recalcaron a relevancia que ten para os seus municipios a valorización do enclave que se vai a estudar, agradecendo especialmente ás comunidades de montes implicadas a “súa xenerosidade” ao permitir o desenvolvemento deste proxecto.

Apuntando a necesidade de “coñecer de onde vimos para saber a onde vamos”, Ana María Villarino amosou o seu desexo de que con este proxecto se lle dea ao Castelo de Lobarzán “o valor que ten” e que a iniciativa supoña un “complemento máis para que os nosos concellos poidan seguir mellorando”. Do mesmo xeito, José Luis Suárez subliñou a importancia desta iniciativa recalcando como é “un punto e seguido” na valorización “dos moitos recursos que temos e que estamos coa idea de promocionar e conservar”. O proxecto, lembraron os responsables municipais, é posible grazas a unha subvención Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (GDR O9 Asociación Monteval), contando cun orzamento total de 46.222 euros concedido a ambos concellos.

Un enclave “único”

A arqueóloga do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo Beatriz Comendador foi, como directora do proxecto do Castelo de Lobarzán, a encargada de explicar os detalles do convenio específico de colaboración presentado este venres. Así, indicou, esta iniciativa é froito da colaboración existente nos últimos anos cos concellos de Monterrei e Oímbra, cos que a Universidade de Vigo ten asinados convenios marco de colaboración desde os anos 2016 e 2017 respectivamente. Deste xeito, apuntou a profesora, parte do equipo que participa neste proxecto de Lobarzán realizou no ano 2018 o informe Investigación arqueolóxica e histórica sobre as orixes do Concello de Oímbra, donde precisamente se destacaba o valor do Castelo de Lobarzán.

Este castelo, indicou a arqueóloga, “é un enclave único no Támega, cunha unión de valores a protexer”, recalcando a súa riqueza como espazo histórico pero tamén natural, tanto botánico como xeolóxico. “Atopámonos neste lugar cun poboado fortificado en altura cuxa excepcionalidade consiste na súa ocupación prolongada no tempo de maneira ininterrompida no transcurso de tres milenios: desde un lugar de asentamento calcolítico e na Idade do Bronce ata o castelo medieval (séculos X- XV)”. A pesar deste interese Beatriz Comendador lembrou como “o conxunto foi moi escasamente estudado e nunca antes escavado”.

O proxecto de intervención que se levará a cabo terá dúas fases diferenciadas, segundo dixo a arqueóloga responsable. Unha primeira, de prospección no recinto e na contorna facendo unha análise da configuración de Lobarzán e da relación cos xacementos da contorna, e unha segunda de intervención propiamente no terreo. Esta intervención, que agardan poida ter unha primeira campaña este verán arredor do mes de xullo, consistirá “en traballos en ambos outeiros primando a súa limpeza exhaustiva para coñecer a configuración tanto da plataforma da necrópole (Oímbra) como do monte do Castelo (Monterrei)”. Tamén inclúen a intervención a “limpeza e escavación de sectores puntuais para maior información e levantamento dixital” fundamentalmente “vinculada na primeira campaña ao pasado medieval do recinto”. Nas accións que se leven a cabo cada ano, indicaron por último desde a organización, tamén se fará fincapé na divulgación e na implicación da comunidade de cada concello na iniciativa.

O equipo que desenvolverá o proxecto está formado, ademais de por Beatriz Comendador, por Víctor Rodríguez, Eduardo Breogán Nieto, Beatriz Vaquero e Elena de Uña, estando implicados ademais do Geaat, as áreas de Historia Medieval, Historia Moderna e Ciencia e Técnicas Historiográficas da Universidade de Vigo, entre outros equipos.