DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo explicou o reitor no Consello de Campus de Ourense

Catro centros serán convidados a participar na elaboración da proposta do Grao en Relacións Internacionais

Trátase de Dereito, Ciencias Empresariais e Turismo, Historia e Ciencias da Educación

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 23/01/2020

Co horizonte posto no curso 2021/22, a Universidade de Vigo está a traballar na preparación do novo Grao en Relacións Internacionais. Este xoves, na celebración do Consello de Campus de Ourense, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, avanzou que serán catro os centros que traballarán na súa proposta, concretamente as facultades ourensás de Dereito, Ciencias Empresariais e Turismo, Historia e Ciencias da Educación.

Sobre a futura titulación, que será un grao interuniversitario (o segundo do Sistema Universitario Galego) entre o campus de Ourense e o campus de Ferrol, da Universidade da Coruña, Manuel Reigosa subliñou como “nós temos bastante esperanzas en que esta titulación atraia máis talento ao campus de Ourense”. Na actualidade, indicou, “estamos a traballar a nivel de equipo reitoral pero xa a vindeira semana empezaremos a incorporar persoal do campus para ver como facemos o seu plan de estudos”. Así, apuntou, “convidaremos ás decanas dos catro centros que pensamos que teñen relación coa titulación, que son Historia, Ciencias da Educación, Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo”. Este grao, apuntou o reitor, “é unha titulación nova á que lle queremos dar un cariz un tanto diferente, pensamos que é unha titulación que se debe impartir o cen por cen en inglés e que debe aspirar a captar alumnado estranxeiro”. Respecto a outra das novas titulacións previstas para o campus de Ourense, o Mestrado en Aeronáutica, o reitor lembrou como “eu teño a palabra da conselleira de que o mestrado se vai a impartir no cen por cen nas aulas de Ourense”.

Respecto ao Campus da Auga, Manuel Reigosa comentou como “xa están practicamente rematados” os traballos para a acreditación da especialización do Campus de Ourense e como “na xuntanza do equipo de goberno de hai uns días acordamos que vai a ser o primeiro que se envíe a avaliación”. “Temos moitas esperanzas nos tres campus de especialización da Universidade pero entendemos que este está xa moi maduro, xa que ten edificio e agrupamento estratéxico de investigación, hai unha implicación bastante forte por parte da comunidade universitaria... Somos optimistas ao respecto”, dixo.  

Revitalizar o Consello de Campus

A sesión celebrada este xoves polo Consello de Campus de Ourense incorporou a novidade de que alén da súa orde habitual contou coa intervención de dous dos vicerreitores da Universidade de Vigo para informar sobre a actividade das súas respectivas áreas. “Queremos revitalizar o Consello de Campus cun calendario ao longo do ano de xuntanzas nas que se van a tratar temas específicos. Neste caso viñeron dous vicerreitores para contar todo o que se está a facer e a programar para o futuro próximo no campus, tanto en temas de sostibilidade e execución de obras como en temas de captación de alumnado”, detallou o reitor. A idea é, indicou, “ter aproximadamente cada dous meses unha xuntanza na que tratemos ademais das cousas xerais que atinxen especificamente ao campus, as cousas que se están facendo desde as diferentes vicerreitorías”.

Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, expuxo ante os membros do Consello de Campus de Ourense “o feito durante o curso pasado, o que se está facendo agora e o que está previsto facer dentro das catro áreas que dependen principalmente deste vicerreitorado, que son captación de alumnado, emprego e emprendemento, extensión universitaria e deportes”. Neste informe destacou “o esforzo moi importante feito en captación de alumnado”, indicando como das 45 accións contempladas no plan de captación de alumnado aprobado hai un ano, "o ano pasado puxéronse en marcha 11 accións e este ano estanse pondo en marcha outras 12". “Son moitas accións coas que estamos chegando a moita xente”, afirmou a vicerreitora. Pola súa banda, José Luís Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, presentou “as actuacións que temos en marcha neste campus en tres apartados”, como son eficiencia enerxética; obras en xeral de actuacións puntais nos edificios e "o traballo no eido da informática que estamos facendo para evitar a burocratización e axilizar os procedementos”.