DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A convocatoria da Universidade e a Deputación de Ourense está dotada con 45.000 euros

Catro proxectos multidisciplinares acadan as axudas Inou 2020

Abordan temas como a presenza dixital do enoturismo ou o aproveitamento de restos da vide

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 24/07/2020

A oferta e reputación dixital do enoturismo ourensán; a interpretación patrimonial de sitios con pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei; a análise e prevención de conductas aditivas e de risco nas redes sociais e a intervención para o uso seguro de cara ao benestar dixital e o emprego de restos de podas de vide para a obtención de produtos de valor engadido. Estas son as temáticas dos catro proxectos financiados a través da convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense INOU 2020, financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense. 

Atendendo aos requisitos das axudas, trátase de catro proxectos coordinados que conta cada un deles cun mínimo de dous subproxectos e pertenza a dous ámbitos de coñecemento diferentes. A convocatoria, dotada con 45.000 euros en total, pretende, tal e como recollen as súas bases, apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade, así como á especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. Para iso, financia proxectos relacionados cos ámbitos socioeconómicos “máis propios da provincia”, como o turismo, a agricultura e a gandaría, o comercio, a xestión integral e o aproveitamento de recursos hídricos. Ao mesmo tempo “pretende ser unha vía para que o persoal investigador a tempo completo máis novo e os que teñan máis dificultades para acudir a outras convocatorias, poidan pór en marcha os seus proxectos”.

Proposta multidisciplinares

O proxecto coordinado máis amplo que financia esta convocatoria leva por título ORDEn: Oferta e Reputación Dixital do Enoturismo Ourensán e conta coa participación de persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática. O seu desenvolvemento articularase en tres subproxectos, un centrado na diagnose do nivel de congruencia na oferta enoturística da provincia de Ourense, que desenvolverá María Lorena Rodríguez, coordinadora do proxecto; outro dedicado á extracción e pre-procesamento de opinións sobre o sector enoturístico nesta provincia, que levará a cabo María Reyes Pavón, e un último de análise e modelaxe de opinións sobre o sector enoturístico ourensán, a cargo de Manuel Alfredo Mosquera. 

Outra das iniciativas que financiará esta convocatoria é o Proxecto PRE-Media: Interpretación Patrimonial de Sitios con Pintura Rupestre Esquemática da Comarca de Monterrei. Nel, a investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Beatriz Comendador traballará na creación dunha contorna virtual para a interpretación patrimonial de sitios con pintura rupestre esquemática desta comarca e a antropóloga Fátima Braña realizará o estudo etnográfico do sitio con arte rupestre de Penedo Gordo e análise de satisfacción da difusión.

O aproveitamento e valorización de residuos procedentes do agro na provincia de Ourense, concretamente o emprego de restos de podas de vide para a obtención de produtos de valor engadido, é o obxecto de estudo doutro dos proxectos financiados. Nel a investigadora Sandra Rivas traballará arredor do aproveitamento e valorización de restos de podas de vide para a obtención de "compostos de base", útiles para a síntese de produtos químicos de interese industrial e biocombustibles, e Beatriz Gullón dedicarase á recuperación de compostos bioactivos procedentes de podas de vide mediante o uso de disolventes intelixentes. 

Un cuarto proxecto leva por título DIXITOU: Análise e Prevención de Condutas Aditivas e de Risco nas Redes Sociais. Intervención para o Uso Seguro de cara ao Benestar Dixital e nel conflúe persoal docente e investigador dos centros de Ciencias da Educación e Traballo Social e Enxeñaría Informática. Rubén González afondará na análise de condutas de risco nestas contornas e a influencia sobre a saúde do alumnado ourensán e María Encarnación González desenvolverá unha aplicación dixital para concienciar ao alumnado ourensán do uso das redes sociais.