DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un seminario reuniu diferentes representantes públicos en CCSS e da Comunicación

Catro visións sobre como enfrontar retos globais desde os gobernos locais

A actividade puxo o foco nos efectos da globalización e a crise nas administracións municipais

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/12/2019

Abordar como as administracións locais tiveron que facer fronte a retos como a globalización ou a crise económica era o obxecto do seminario que este martes reuniu catro representantes de diferentes administracións municipais na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Coordinado polos docentes da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza Paula Lamoso e Álvaro Xosé López Mira e dirixido principalmente ao alumnado da materia Gobernos locais do grao en Dirección e Xestión Pública, esta actividade contou coas intervencións do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a tenente de alcalde do Concello de Pontevedra Anabel Gulías, a edil no Concello de Vilagarcía de Arousa Alba Briones, e o deputado provincial Carlos López Font.

A fusión voluntaria de municipios, os mecanismos de participación cidadá, o papel e funcións das deputacións provinciais e o modelo urbano foron os eixos das intervencións das e os protagonistas dunha actividade que buscaba “”conectar a docencia coa investigación e a transferencia á sociedade que nos é máis próxima”, como salientou López Mira. Gobernos locais para retos globais era o título dun seminario que, como explicou Lamoso, incidiu en como ademais de para responder “ás necesidades dos cidadáns” e prestar “os seus servizos dun xeito máis eficaz”, as administracións municipais deben adaptarse a súa contorna. Nese senso, Lamoso apuntou ás dúas cuestións “que tiveron unha incidencia máis forte na xestión pública local”; os efectos da globalización, “dun mundo máis aberto e interconectado” e a “grave crise económica que sufrimos desde 2008”. 

Do papel das deputacións á fusión de concellos

“A única administración real é a local, aquela á que os cidadáns chaman á porta”. Deste xeito abriu Carlos López Font, deputado de Réxime Interior, Economía, Facenda e Novas Tecnoloxías unha intervención na que buscou pór en valor o labor das institucións provinciais a través das principais liñas de actuación da Deputación de Pontevedra. “O debate sobre o papel ou a desaparición das deputacións é un debate totalmente aparcado”, defendeu López Font, que afondou no traballo levado a cabo pola institución provincial nos eidos da igualdade, a transición ecolóxica ou o emprego, así como no apoio e transferencia de fondos aos concellos, “que están soportando economicamente servizos que non deberían de corresponderlles”. 

Dar a coñecer as causas e resultados da fusión voluntaria dos municipios de Cerdedo e Cotobade foi o propósito da intervención de Jorge Cubela. O rexedor apuntou á perda de poboación, ao seu envellecemento e a redución dos recursos económicos, “porque o noso financiamento depende en boa parte do número de veciños censados”, como as motivacións, xunto cos incentivos ás fusións, dun “proceso administrativo que co paso de tempo ten que dar lugar a unha unión social”. Respecto aos resultados, Cubela apuntou que a fusión permitiu ao novo concello “subir á categoría de municipios de máis de 5000 habitantes, o que desde o punto de vista das transferencias é fundamental”, así como “a optimización dos servizos municipais máis custosos”. 

Da ‘canteira’ do grao ao modelo de Pontevedra

Ademais de alcalde, Cubela é alumno de Dirección e Xestión Pública, grao do que é egresada Alba Briones, concelleira de Promoción Económica, Emprego e Xuventude en Vilagarcía de Arousa. De aí que na súa intervención puxese sobre a mesa unha serie de conceptos que se abordan nesta titulación para amosar ao alumnado como teñen “unha aplicación bastante habitual” na xestión municipal. Briones centrouse así mesmo nas diferentes canles de participación cidadá, “tanto por medios electrónicos como a través das citas que os concelleiros e concelleiras temos no día a día”, xunto con iniciativas “como consellos locais e mesas de diálogo”, co propósito de pór de relevo “que a idea de goberno aberto é hoxe en día moi importante”.

Na última das intervencións, a responsable de Promoción da Cidade, Réxime Interior e Contratación no Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, fixo balance do desenvolvemento do modelo urbano nesta cidade, froito, defendeu “dun proxecto político”. Gulías incidiu en como este modelo buscaba “que as persoas sexan iguais no espazo público”, á vez que contribuíu ao aumento da mobilidade peonil, a redución das emisión de CO2 e das mortes por atropelos e á “creación dunha marca cidade”. Nese senso, a concelleira defendeu “a política como ferramenta de cambio” e avogou pola “translación da teoría á praxe”, criticando nese senso que, desde as administracións, “ás veces pasamos máis tempo facendo plans que actuando politicamente”.