DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidas polo grupo HealthyFit e o servizo de deportes do Concello 

Un cento de persoas maiores participan en Sanxenxo nas ‘olimpíadas’ dun proxecto europeo

Dirixido a analizar como a competición lles motiva cara a práctica deportiva

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 19/11/2019

Afondar nos factores que motivan ás persoas maiores cara a práctica deportiva é o obxectivo central do proxecto europeo In Common Sports (Intergenerational Competition as Motivation for Sport and Healthy Lifestyle of Senior Citizens), que lidera a Cámara Municipal de Vila Nova de Cerdeira e do que forma parte o grupo de investigación HealtyFit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Financiado polo programa comunitario Erasmus+ Sport, entre as actividades dun proxecto que reúne a institucións académicas e municipais de Portugal, España, Italia, Hungría e Bulgaria figura a organización dunhas “olimpíadas interxeracionais” por parte dos diferentes socios, como as probas deportivas nas que, desde este martes, reúnen en Sanxenxo 105 persoas maiores de 65 anos.

Promovida polo grupo HealthyFit xunto co servizo de deportes do Concello de Sanxenxo, esta competición busca por unha banda analizar o papel que a competición xoga como elemento motivador cara a práctica deportiva. Tamén,  decidir o equipo que participará, o vindeiro ano, “na última olimpíada do proxecto, en Vila Nova de Cerveira, na que competirán os mellores equipos de cada un dos países”, explica o investigador principal do grupo HealtyFit, José María Cancela.

O “efecto chamada” da competición

105 maiores de 65 anos integran os 21 equipos que nas xornadas de martes e xoves compiten na piscina e no pavillón de Baltar nas diferentes probas deste torneo. Nesta primeira xornada, desenvolvéronse na piscina as competicións de relevos, waterpolo e baloncesto na auga, que se verán continuadas o xoves polas de voleibol, baloncesto, boccia, “un deporte parecido á petanca”, e bolos, complementados á súa vez por xogos tradicionais. Trátase en todo caso, explica Cancela, de “probas adaptadas” aos competidores e competidoras, participantes no programa de actividade física para persoas maiores do Concello de Sanxenxo. “Os mellores equipos en cada un dos xogos reciben unha puntuación”, de tal xeito que, o xoves, o evento completarase coa celebración das semifinais e finais, “para as que se escollerá ao azar un dos deportes”, relata o investigador. Estas “olimpíadas interxeracionais” desenvólvense tamén nos países dos diferentes socios do proxecto. Concretamente, xunto á cámara de Vila Nova de Cerveira e á Universidade de Vigo, participan en In Common Sports o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, o municipio italiano de Cesena, a asociación Zoldpont de Hungría e o municipio búlgaro de Aksakovo.

Aberta só ás persoas que forman parte do programa que desenvolve o Concello de Sanxenxo, o obxectivo desta iniciativa era tamén “ver como as competicións lles motivan á seguir acudindo ás clases e a mellorar o seu nivel físico”. De feito, nas diferentes actividades que engloba este programa figurou nos últimos meses a propia preparación desta competición, que á súa vez implicou “un efecto chamada” para as e os inscritos, como apunta Cancela. “A media de asistencia ás clases era de 80 persoas, pero o evento provocou que moitos usuarios quixesen formar equipos e que finalmente houbese máis de 100 inscritos”, salienta. 

Da competición á investigación

No marco deste proxecto, o grupo HealtyFit realizou tamén, hai seis meses, unha avaliación inicial de preto de 80 das e os participantes neste programa municipal, consistente “nunha valoración do equilibrio, niveis de forza muscular e composición corporal”, xunto cunha proba de resistencia aeróbica e a realización de “tests de deterioro cognitivo, motivación cara a práctica deportiva e de saúde xeral”. Co propósito de estudar o que estes xogos supuxeron na evolución deste grupo de maiores, a celebración desta competición verase complementada, a vindeira semana, pola realización dunha nova avaliación por parte dos investigadores e investigadoras. “Queremos ver se se mantiveron ao mesmo nivel, melloraron ou empeoraron”, salienta Cancela.