DUVI

Diario da Universidade de Vigo

BBAA acolle deste este mércores un ciclo de coloquios sobre autoedición e animación

Un ciclo achega ao alumnado diferentes camiños nas marxes das artes

Coa participación de catro ex-estudantes da facultade

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 15/10/2019

Proxectos de cómic, fotografía ou animación centrarán algunhas das experiencias que o ciclo de coloquios Nas marxes busca achegar ao alumnado de Belas Artes. Catro profesionais que foron no seu día estudantes desta facultade serán os protagonistas dos tres coloquios que integran o programa desta actividade, que arrinca este mércores ás 13.00 horas cun coloquio sobre cómic experimental a cargo da debuxante Begoña García-Alén. Coordinado pola profesora Silvia García, o obxectivo deste ciclo, promovido grazas ás axudas para a organización de actividades extraacadémicas da Universidade, é achegar o alumnado “a disciplinas menos recoñecidas dentro do ámbito da arte contemporánea”, a proxectos que “suceden nas marxes do que acontece nos museos”, pero que á súa vez constitúen posibles camiños profesionais para os futuros titulados e tituladas.

Aberto tanto ao alumnado do campus como a todo o público interesado, o ciclo que mantén aberta a súa inscrición no enderezo electrónico nasmarxes@gmail.com, arrinca este mércores cun coloquio coa titulada en Belas Artes e autora de cómic experimental Begoña García-Alén, nomeada o ano pasado ao premio ao autor revelación do Salón do Cómic de Barcelona. O mércores seguinte chegará a quenda dos egresados Cynthia Alfonso e Óscar Raña, responsables do estudo Rapapawn, que realizou traballos de animación para empresas de diferentes países. A actividade pecharase o 30 de outubro cun coloquio no que David Peetermans abordará a súa experiencia no eido da fotografía e a autoedición.

Coñecer o camiño percorrido trala facultade

“Trátase de xente que saíu da facultade hai non tanto tempo, que nos vai falar do seu propio proceso, de como saíron adiante e que porá exemplos prácticos de autoedición, de encargas ou mesmo de experiencias docentes”, explica García deste ciclo de coloquios sobre edición, autoedición e animación experimental. Con ese propósito, optouse por “formato de másterclass” que combinase a abordaxe do campo en cuestión cunha visión máis práctica, “na que nos falen do seu proceso desde que saíron da facultade, de como lle xurdiron oportunidades, nalgúns casos grazas a publicacións nas redes sociais...”, engade a coordinadora duns coloquios que nese senso buscan ofrecer unha “visión máis plural” da diversidade de disciplinas nas que poden desenvolverse as persoas formadas en Belas Artes. Con esa idea, os coloquios porán o foco en aspectos como a importancia que a autoedición xogou para egresadas como García-Alén ou en como son os primeiros pasos nun ámbito concreto, no caso de Peetermans, “que editou unha pequena publicación das súas fotografías e que contará como é o proxecto de sacar adiante o teu primeiro proxecto”. Así mesmo, os coloquios deteranse tamén no propio proceso de traballo en casos como o de Alfonso e Raña, que amosarán ao alumnado “ferramentas concretas que utilizan para facer animacións e analizarán como fixeron algúns dos seus traballos”.