DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entregáronllo nun emotivo acto ao que tamén asistiu o reitor, Manuel Reigosa

A Ciencia Política da Universidade homenaxea cun libro ao presidente do Tribunal de Garantías

A obra está editada polo Servizo de Publicacións e conta co apoio do Consello Social

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Institucional
D. Besadío DUVI 23/07/2019

O Observatorio da Gobernanza/G3 da Universidade de Vigo entregoulle este martes ao investigador principal do mesmo e actual presidente do Tribunal de Garantías, Argimiro Rojo, un libro de homenaxe con motivo da súa inminente xubilación da institución académica, onde leva exercendo como docente de Ciencia Política e da Administración desde hai case corenta anos, primeiro dependendo da Universidade de Santiago de Compostela e, unha vez constituída, da de Vigo.

Coordinado polos profesores Álvaro Xosé López Mira e Enrique José Varela Álvarez, o texto contén máis de catrocentas páxinas e está editado polo revitalizado Servizo de Publicacións da Universidade e conta tamén co apoio do Consello Social. Entregáronllo nun emotivo acto ao que asistiu o reitor Manuel Reigosa, así como outros integrantes da comunidade universitaria que quixeron tamén amosarlle o seu agarimo e admiración.

“Miscelánea de anacos de vida persoal, familiar e profesional”

“A obra, titulada Argimiro Rojo Salgado, o home Smiling Through, arranca con tres limiares asinados polo  propio reitor, o presidente do Consello Social e os coordinadores, estruturándose logo os contidos en catro capítulos redactados, respectivamente, pola familia máis achegada do catedrático de Ciencia Política; polos seus amigos da infancia e da mocidade; polos politólogos e politólogas que compartiron con el a súa vida profesional, tanto os da Universidade de Vigo como de fóra dela e, como peche, un capítulo redactado polos que foron compañeiros defensores universitarios nas universidades da Coruña e Santiago de Compostela na última etapa da súa traxectoria académica.

“É unha obra aberta como a do propio Argimiro”, explican os coordinadores no seu limiar, ao que engaden que se trata dunha “miscelánea de anacos de vida persoal, familiar e profesional que é imposible que abranga na súa totalidade a fondura e riqueza do pensamento do noso compañeiro e camarada, dun ‘politólogo tranquilo’, consciente da súa responsabilidade individual e colectiva, para coa familia, colegas, institución e conxunto da globalidade cosmopolita”.

Revitalización da colección Homenaxes

Con esta obra o Servizo de Publicacións da UVigo buscar tamén iniciar unha nova etapa da colección Homenaxes, da que o libro dedicado ao profesor Rojo Salgado é o número 10. “A nosa idea é intentar darlle un formato semellante a todas as obras que se vaian publicando nesta sección e dotalas da calidade suficiente para que vaian máis aló dunha simple homenaxe”, explica o director do servizo, Jorge Luis Bueno, quen recalca a importancia de que este tipo de obras teñan, por unha banda, calidade e, pola outra, significación para a persoa que a recibe.

Tras a presentación desta obra, a colección retomarase despois do verán coa publicación dun novo libro, neste caso en homenaxe ao profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Antón Palacio, último director do propio Servizo de Publicacións. “O libro, que será o número 11 da colección, xa está practicamente rematado”, engade Bueno.