DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto de graduación celebrouse este xoves na facultade

Ciencias despide a catro novas promocións

Tres egresados foron distinguidos polos seus traballos fin de grao

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 14/06/2019

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este xoves a celebración do acto de graduación do seu alumnado. Trátase de 60 novos titulados e tituladas de grao aos que se suman oito de mestrado que, acompañados de familiares, amigos e membros da comunidade universitaria, festexaron o remate dos seus estudos e o inicio dunha nova etapa na súa traxectoria.   

No acto, ao que asistiu Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, recolleron as súas bandas e diplomas a VII promoción do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, formada por 20 estudantes; a VI promoción do Grao en Enxeñaría Agraria, con 8 estudantes; a VI promoción do Grao en Ciencias Ambientais, formada por 32 estudantes, e a nova promoción do Master Universitario en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental, con 8 estudantes. “Promocións de 2015-2019, agora tócavos a vós contribuír a facer un mundo mellor para todos”, díxolle ás e aos homenaxeados Gil Garrote, decano da Facultade de Ciencias. Na nova etapa que se abre para elas e eles, engadiu, “seguiremos estando aquí para axudarvos, para escoitarvos e para alegrarnos dos vosos logros, para os que saídes ben preparados”.

Durante a celebración tamén se entregaron os premios da facultade aos mellores traballos de fin de grao. O Premio Sonia García Falcón foi para Isabel Botana, do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; o Premio do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas foi para Iván Novoa, do Grao en Enxeñaría Agraria, e o Premio Julia Franco foi para Ánder Castro, do Grao en Ciencias Ambientais.