DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada na que participaron profesionais deste sector

Ciencias da Educación orienta ao alumnado de Infantil e Primaria sobre o seu futuro laboral e formativo

A cita contou coa asistencia de estudantes do último curso dos dous graos

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 14/03/2019

A Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense celebrou este xoves pola tarde a xornada E agora que? Horizontes profesionais para mestres/as en Educación Primaria e Infantil. A actividade tivo como obxectivo orientar ao alumnado de último curso destes dous graos sobre as opcións tanto laborais como formativas que teñen unha vez rematen os seus estudos superiores.

A xornada dividiuse en dúas mesas redondas. A primeira contou con participación de diferentes profesionais do sector educativo, a maior parte deles egresados e egresadas da facultade ourensá, que explicaron ao alumnado os posibles itinerarios profesionais que teñen, compartindo con elas e eles as súas experiencias laborais e os pasos que foron dando ata acadar os seus obxectivos. Concretamente participaron nesta mesa Marcos Antonio Fernández, mestre especialista en Educación Física, psicopedagogo e inspector de Educación; Elena Gayo, mestra da especialidade en Educación Primaria e en Educación Especial, psicopedagoga e directora do CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro; Santiago Pato, mestre na especialidade idioma estranxeiro inglés; Juan Luis Rodríguez, mestre na especialidade en Educación Infantil, psicopedagogo e orientador do Colexio Plurilingüe Divina Pastora, e Cristina Sánchez, mestra de Educación Primaria, psicopedagoga e investigadora predoutoral FPU.

A segunda das mesas contou coa participación das e dos responsables dos diferentes estudos de mestrado e posgrao que hai na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, como son o Mestrado en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos, o Mestrado en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos, o Mestrado para o Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas e o Programa de Doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento.