DUVI

Diario da Universidade de Vigo

44 estudantes foron chamados a expor as investigación que están realizando

Ciencias da Educación pon en valor o traballo do seu alumnado de doutoramento

Tamén este venres arranca unha nova edición do Encontro Galego-Portugués pola Paz potenciado desde o

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 03/05/2019

44 estudantes do Programa de Doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento, da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, estiveron chamados este venres a subir á palestra para expor diante de alumnado e profesorado o estado das investigacións que están a realizar. Foi no marco do VI Seminario de Intercambio de Experiencias de Investigación organizado polo centro.

Segundo explicou Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, a actividade persegue que “o alumnado que se incorporou recentemente presente o seu plan de investigación, que explique como ten programado desenvolver a tese, e que os estudantes que levan máis anos expoñan os procedementos e primeiros resultados que están tendo”. Este intercambio de inquedanzas e coñecementos e o debate que se xera, recalcou o profesor, “é moi enriquecedor para todos” no senso de que permite a investigadores e investigadoras non só recoller valoracións do traballo que están facendo senón tamén ter un apoio para continuar nel. “Ás veces neste tipo de retos un esgótase e necesítase estímulos para continuar”, afirmou Xosé Manuel Cid.

O vicedecano tamén apuntou na celebración do seminario a súa satisfacción polo desenvolvemento que está tendo este programa de doutoramento xa que, indicou, conta con oito teses lidas, catro delas de carácter internacional, superando así as esixencias marcadas ao seu inicio. Alén da diversidade de liñas de investigación que está a abordar o alumnado deste doutoramento, Xosé Manuel Cid puxo o aceno na participación neste programa de alumnado estranxeiro, de países como Chile, Cuba e sobre todo Portugal.

Das novas tecnoloxías á saúde

Cun tempo por estudante de arredor de dez minutos, as e os alumnos expuxeron as principais características e estado actual do estudo que están a realizar no marco da súa tese de doutoramento. As primeiras en facelo foron Cristina Sánchez e María Milagros Fernández, egresadas respectivamente en Ciencias da Educación e Enfermaría. A primeira delas explicou como no seu caso está na recta final dun estudo no que afonda nos recursos metodolóxicos asociados á tableta con alumnado de Primaria. Así, detallou ao público presente como realizou unha investigación cualitativa, de observación participante e diario de campo, nun centro ourensá no que participaron 76 alumnas e alumnos de diferentes cursos de Educación Primaria. Trala análise dos datos, Cristina Sánchez adiantou como entre os resultados acadados están que “non existe unha metodoloxía única para utilizar a tableta dixital xa que non debe ser o centro de atención da metodoloxía” o como o uso desta ferramenta na aula “pode contribuír á innovación pero non significa que sempre contribúa a ela. O uso ten que ser sempre cumprimentado por unha metodoloxía correcta”.

Pola súa banda, María Milagros Fernández, tamén directora da Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Ourense, expuxo o traballo que está a realizar de avaliación do programa deportivo da Universidade de Vigo Ponte en Forma. O estudo, indicou, “está na fase de avaliación dos datos recollidos e de elaboración do marco teórico” apuntando como no seu caso a compatibilización desta investigación coa vida laboral fai que o desenvolvemento do estudo sexa máis demorado no tempo que noutros casos expostos no seminario. A idea de levar a cabo a súa tese, indicou, xurdiu ao ver como “as enfermidades non transmisibles cada vez se están incrementando máis a nivel mundial e sabemos que un dos factores determinantes é a actividade física, así como a alimentación”. No seu traballo, indicou a profesora, desenvolveuse unha parte experimental na que un grupo participou do Programa de Ponte en Forma, no que “se fai actividade física dirixida e asesorada por persoal, entre el sanitario”, e outro realizou exercicio de xeito libre. “Desde o punto de vista sanitario pode ser importante obter unha radiografía de como está a saúde da comunidade universitaria”, recalcou sobre a relevancia da tese que está a realizar.

Estes foron dous dos moitos traballos expostos e nos que se abordaron temáticas como as relacionadas co xénero, con estudos sobre a reconstrución do ser muller non heteronormativa ou o acoso sexual e por razón de sexo no contexto universitario. Tamén abundaron as investigacións relacionadas coas novas tecnoloxías, con traballos sobre o uso comunicativo do teléfono intelixente por menores en protección ou o impacto da mochila dixital na ESO. Outros temas abordados foron a figura de Xosé Filgueira Valverde como educador; as crenzas na formación dos estudantes de Enfermaría, a educación social na escola ou a mitoloxía galega das augas aplicada en contextos educativos. As investigacións realizadas por alumnado de doutoramento luso tamén foron numerosas e nelas achéganse cuestións como a violencia e namoramento na zona Norte de Portugal ou a dimensión motivacional no contexto escolar.

Arranca o XXXIII Encontro Galego-Portugués pola Paz

Tamén coa implicación da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, este venres arrancou o XXXIII Encontro Galego-Portugués pola Paz, que reúne ata o domingo a arredor de 150 estudantes e profesionais na Residencia do Tempo Libre do Carballiño, a onde volve tras 30 anos de terse celebrado nesta vila. Esta edición, explicou Xosé Manuel Cid, un dos promotores da iniciativa, leva por lema Reciclar, reutilizar, reducir, repartir: repensando a non violencia desde o ecopacifismo, tendo en conta a relación entre a sustentabilidade da vida e a construción colectiva da convivencia pacífica. En todo caso, recalcou o profesor do campus, “o principal dos encontros non é tanto a elaboración intelectual, que a hai, senón precisamente encontrarnos todos, educadores e educadoras de todos os ámbitos, co propósito de ter uns días de convivencia e pór en común o que se está facendo neste amplo concepto de paz”.