DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizan unha estadía dun mes de duración en diferentes grupos da Universidade

Cinco estudantes hindús abren a colaboración co Anand Institute of Higher Technology

Este luns foron recibidos polas vicerreitoras Maribel Doval e Esther de Blas

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Internacional
  • Visitas
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 27/05/2019

Akshita Audichya, Tanvi Mathur, Shivam Sharma, Chakshita Kumawat e Manvendra Singh son cinco estudantes de grao de diferentes enxeñarías procedentes do Anand International College of Engineering, ubicado en Jaipur, na India. Eles e elas coinciden en Ourense co obxectivo de facer durante un mes unha estadía en diferentes grupos de investigación da Universidade de Vigo no marco da liña de colaboración que están a abrir as dúas institución académicas.

Este luns as e os estudantes hindús foron recibidos por Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo, e Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense. Acompañándoos estaba o docente e investigador do Departamento de Matemática Aplicada II da Universidade de Vigo Iván Area, xa que esta estadía nace a partir dun curso centrado nos polinomios ortogonais impartido por este profesor no Anand International College of Engineering ao abeiro das actividades que desenvolve o CIMPA (Centro Internacional de Matemáticas Puras Aplicadas). “A raíz dese curso, os responsables desa universidade india comezaron a valorar a posibilidade de establecer unha posible colaboración de intercambio coa Universidade de Vigo”, explicou Iván Area.

“Aínda que o noso foco internacional está na lusofonía non podemos deixar de atender países como a India, onde a poboación nova é moi elevada e puxante”, explicou Maribel Doval na recepción ás e aos estudantes indios. A vicerreitora salientou como a estadía destes cinco universitarios e universitarias é un primeiro paso para achegarse ao Anand International College of Engineering e destacou a importancia de coñecer a experiencia destes alumnos e alumnas para mellorar as posibilidades de intercambio entre as dúas institucións académicas, tendo en conta as diferenzas culturais existentes entre os dous países.   

Primeiras boas impresións

Os cinco estudantes que participan nesta primeira experiencia de intercambio viven na cidade de Ourense. Tres deles están durante a súa estadía colaborando cos profesores do campus de Ourense Arno Formella, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, e David Nicholas Olivieri, da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Os outros dous están con profesores do campus de Vigo, concretamente con Pedro Arias, da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, e Rafael Sanz, da Escola de Enxeñería Industrial. A función do alumnado hindú nos grupos de investigación é colaborar con eles e coñecer como desenvolven o seu traballo, tendo que elaborar para a súa universidade de orixe un pequeno traballo sobre a súa estadía, que se prolongará ata o 13 de xuño.

Durante a recepción, o alumnado hindú amosou ás vicerreitoras da Universidade de Vigo a súa satisfacción por como se está a desenvolver a súa estadía na institución académica. Dela destacaron a boa disposición do profesorado e a flexibilidade á hora de afrontar o traballo a realizar, salientando como esta flexibilidade lles permite traballar con menos presión sen por iso ir en detrimento da produtividade. Do mesmo xeito, o alumnado salientou a súa conformidade co ritmo de vida “máis relaxado e ordenado” que teñen aquí respecto á súa universidade e cidade de orixe e o feito de que “todo se realiza dun xeito máis sistemático”. Tamén subliñaron especialmente a boa disposición e amabilidade da xente, tanto da comunidade universitaria como de fóra dela. “Todo o mundo axuda”, afirmaron. Froito desta boa experiencia, algúns destes estudantes xa amosaron durante a recepción o seu interese en valorar a posibilidade de realizar algún mestrado na Universidade de Vigo.