DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCSS e da Comunicación acolle este mes un ciclo sobre a produción de produtos multimedia

Cinco oportunidades para saber máis da creación e promoción de páxinas web

Coordinado polo profesor Xabier Rolán, busca complementar a formación do alumnado

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 03/03/2020

Adquirir nocións sobre o posicionamento de páxinas web e de aplicacións para teléfonos móbiles, afondar no potencial das redes sociais como soporte publicitario, coñecer ferramentas para optimizar o rendemento dunha web e aprender a realizar traducións para Wordpress. Estas son as cinco propostas que se agrupan no ciclo de conferencias e obradoiros Produción e promoción de produtos multimedia, que ao longo deste mes se desenvolverá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “Son contidos que poden parecer distantes, pero que non o son tanto. Cando falamos de comunicación dixital, falamos dun mundo tremendamente amplo no que todo está interconectado”, salienta o profesor Xabier Martínez Rolán, coordinador deste ciclo de actividades dirixidas a complementar a formación do alumnado de diferentes materias dos graos en Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas.

Organizado coa colaboración da facultade e das empresas Dinahosting e Quadralia, este ciclo agrupa unha serie de “contidos transversais” relacionados coas tres materias que Martínez Rolán imparte este cuadrimestre, Desenvolvemento web, Deseño de aplicacións móbiles e Produción publicitaria. “A idea é abrir a mente do alumnado, amosarlles que non chega con saber facer unha web ou unha app, senón que hai que saber promocionala, do mesmo xeito que para promocionar algo tes que saber como se desenvolven eses contidos”, salienta o coordinador dun ciclo que achegará á facultade diferentes profesionais, varios e varias deles formados no centro, e no que as diferentes actividades, explica, serán abertas ás persoas interesadas. 

De como facerte ver en Google ao que Facebook sabe de ti

O ciclo arrincará o vindeiro martes 9 con Como camelarte Google a través do SEO, unha conferencia impartida pola egresada da facultade Carolina Buján, planificadora en DoGo Strategy, que trasladará ao alumnado unha serie de nocións sobre como mellorar a posición nos buscadores dunha páxina web. Seguindo con esa mesma liña, a tamén ex-alumna Sarai Rodríguez, executiva de contas en Arde, abordará o 16 de marzo o labor de posicionamento de aplicacións nas stores para teléfonos móbiles. “Trátase de técnicas diferentes, pero a finalidade é a mesma, aparecer nos resultados superiores”, salienta Martínez Rolán das primeiras propostas dun ciclo que, o luns 23 porá o foco no “posicionamento publicitario”. Farao co relatorio Social ads: Facebook sabe máis da ti cá túa parella, do tamén egresado da facultade e xestor de proyectos en Elogia, Adrián Aira. A idea, explica Rolán, é afondar en como a “microsegmentación”·desta e outras plataformas “permite aos profesionais da publicidade crear campañas específicas”. 

O martes 24, o ciclo continuará cun coloquio de Iván Expósito, responsable de atención ao cliente de Dinahosting, sobre como optimizar unha web para facela máis eficiente, na que achegará ao alumnado unha serie de “técnicas para que a páxina teña unha maior velocidade de carga”. Jesús Amieiro, responsable técnico de Quadralia, pechará o 31 de marzo este ciclo con Como traducir Wordpress e o seu ecosistema ao galego, un obradoiro no que achegará ao alumnado unha serie de nocións que lles permitan sumarse a comunidade de colaboradores deste xestor de contidos web de código aberto, “nunha das cuestións nas que máis sinxelo é colaborar, como son as traducións”.