DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade de prevención tivo lugar este xoves

O Citi pon a proba o seu plan de autoprotección cun simulacro de emerxencia

A xestión do sinistro ficticio saldouse de xeito positivo

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Ourense 27/06/2019

Ás 12.00 horas deste xoves no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) do campus de Ourense, situado no Parque Tecnolóxico de Galicia, soou a alarma por un lume que se iniciaba no bloque D do edificio, no cuarto de gases. Podía ser un feito real pero foi un simulacro de emerxencia co que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade de Vigo puxo a proba o plan de autoprotección deste centro.

Segundo explicou Mª José Montero, técnica do Servizo de Prevención de Riscos Laborais encargado da organización do simulacro, a realización desta actividade parte de implantación do plan de autopretección do Citi. Cando en cada centro da institución académica, detalla, se traballa na posta en marcha deste tipo de plans alén de realizar actividades de formación do persoal que traballa nel se fai un simulacro co que se dá por rematada esa implantación.

Da alarma á evacuación

O obxectivo do simulacro foi pór a proba nun contexto o máis real posible a eficacia da súa execución ante unha posible emerxencia. Así, durante o simulacro de incendio no Citi, trala alarma, seguindo o protocolo establecido no plan, cada traballador e traballadora do centro asumiu o rol que lle corresponde nel. A persoa designada no plan como xefe de intervención silenciou a alarma e comprobou o lugar do sinistro acudindo ao mesmo. Pola súa banda o director da emerxencia acudiu ao centro comunicación e control, que neste caso foi a conserxaría, e permaneceu en contacto co xefe de intervención para coñecer a gravidade do suceso.

O persoal que forma parte dos equipos de intervención, alarma e evacuación e os equipos de primeiros auxilios axudaron na extinción ficticia do incendio, na evacuación do edificio e na atención aos feridos respectivamente. Como o incendio non se puido extinguir, o director da emerxencia ordenou a evacuación do edificio pulsando de novo a alarma, que permaneceu soando ata o final da evacuación, e todas as persoas evacuadas reuníronse no punto de encontro establecido para este centro dándose por rematada a emerxencia. Para a realización do simulacro nesta ocasión non se solicitou a colaboración dos medios externos, como bombeiros ou policía, segundo detallaron desde o Servizo de Prevención de Riscos Laborais. O simulacro, indicaron os seus responsables, realizouse sen incidencias e a emerxencia simulada solveutouse axeitadamente.