DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun acto en liña a través do Campus Remoto

Clausúrase a edición “máis atípica” do curso Icemar de innovación e emprendemento no mar

Contou coa participación da vicerreitora de Investigación e a directora da Axencia Galega de Innovac

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Académica
D. Besadío DUVI 03/07/2020

O mercado laboral galego conta desde esta semana con 16 novos profesionais dispostos a facer do mar o seu principal motor de empregabilidade. Son as 16 alumnas e alumnos que participaron na clausura da terceira edición do curso Icemar de innovación, competitividade e emprendemento no mar, unha actividade posta en marcha en 2018, entre outras institucións, pola Universidade de Vigo e o Campus do Mar co obxectivo de facilitarlle ao alumnado o acceso a distintas profesións e posibilidade de negocio que se desenvolven baixo o paraugas  do ecosistema marítimo/mariño.

“Esta foi sen ningunha dúbida a edición máis atípica das tres que xa celebramos e tamén na que máis retos tivemos que enfrontar”, explica a directora do curso, Maruxa Álvarez, profesora da Facultade de Bioloxía e directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, remarcando así como esta nova xeración de ‘icemares’, “como xa se coñecen entre eles”, bromeaba a directora, tiveron que adaptarse a substituír as clases nas aulas no Centro de Visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas pola docencia a distancia. 

E se neste curso sempre se tenta que o estudante sexa o gran protagonista, nesta ocasión as alumnas e alumnos foron ademais unha panca esencial para que a actividade puidera chegar a bo fin. “Foi grazas ao empuxe do incrible grupo de persoas que participaron en Icemar e ao acompañamento e apoio recibido por colaboradores, mentores e patrocinadores que o que en marzo parecía unha despedida anticipada resultou ser unha nova versión do curso”, recalca Álvarez, facendo así fincapé no gran reto que supuxo a reorganización do programa docente marcando novos rumbos cos que se conseguiron redobrar ilusións e expectativas. “Digamos que tivemos que reorganizar toda a tripulación: a nós como ‘capitanas’ marcando o rumbo que consideramos era certeiro; aos docentes e colaboradores como patróns de pesca que dirixían os labores de formación e, por suposto, ao alumnado, que fixeron de mariñeiros e sacaron o máximo proveito, incluso na distancia”, recalcou Álvarez.

Enriba da mesa tres novos proxectos empresariais

O acto de clausura, celebrado en liña a través do Campus Remoto, contou coa participación, entre outros, da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio; a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) Patricia Argerey; o xefe de gabinete da Consellería do Mar, Antonio Basanta, e o fundador da Fundación Ronsel e docente do curso Luis García-Deber, que actuaron como xurado na exposición das ideas empresariais das alumnas e alumnos.

Nesta edición expuxéronse tres proxectos -Namorar, Gaivota e Ecocha-, tres traballos nos que o alumnado leva traballado intensamente ao longo destes últimos meses. “Son proxectos que se caracterizan por ter un enfoque importante na sustentabilidade e teñen un gran potencial para crear valor económico, medioambiental e social”, explica a directora do curso. Agora,  unha vez finalizado o circuíto formativo e á espera de que poidan ir realizando as súas prácticas en empresas, “podemos dicir que pasamos unha moi boa marea e que estamos navegando a bo porto”.